Manuel Baltar visita coa cineasta Isabel Coixet os escenarios da rodaxe de "Elisa y Marcela"

Compartir

 

Ourense, 31 de maio de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe en Pazos de Arenteiro, no concello de Boborás, os escenarios da rodaxe no que está a traballar o equipo da directora e guionista Isabel Coixet, quen grava nesta localización, en Celanova e outros puntos da provincia a película "Elisa y Marcela". No seu encontro con Isabel Coixet o presidente do goberno provincial confirmou o apoio da Deputación de Ourense a este filme e destacou a importancia "de promover a provincia de Ourense como plató de cine", lembrando o acordo plenario da institución provincial de marzo pasado, segundo o cal elaborarase un catálogo de localizacións "co obxectivo de promocionar a provincia como escenario de producións audiovisuais", no marco dunha corrente denominada "turismo cinematográfico" e que move 40 millóns de turistas internacionais cada ano.

"En Ourense temos unha riqueza paisaxística e patrimonial de primeira orde para ofrecer todo tipo de localizacións, tanto exteriores como interiores", expresou Manuel Baltar, afirmando que a provincia de Ourense "xa ten sido escenario de importantes producións cinematográficas, de televisión e vídeoclips de importantes artistas".

O catálogo que se impulsará desde a Deputación de Ourense realizarase co asesoramento de profesionais do sector e que, xunto coas localizacións, inclúa todos os servizos e recursos necesarios para calquera produción que podan atopar na provincia. O documento promocionaríase organizando unha visita de profesionais da comunicación, produtoras e empresas vencelladas ao mundo do cine e da televisión, ademais de incluílo nas edicións de 2019 da ICC Week e do Festival de Cine Internacional de Ourense.