Un libro recolle a vida e obra de 400 mulleres galegas ao longo de historia

Compartir

  • A publicación, Elas, obra da investigadora e profesora Aurora Marco, foi presentada hoxe no mosteiro de Xunqueira de Espadanedo coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

  • Xunto con este proxecto editorial inaugurouse unha mostra pictórica na que participan oito artistas plásticas, cuxas obras inclúense no volume Elas, "obra que supón unha homenaxe á muller e a todo o que significou na nosa terra", expresou Baltar.

Ourense, 2 de xuño de 2018.- 400 mulleres relatan coa súa vida e obras 15 séculos da historia galega. Así pode resumirse o libro de gran formato Elas, unha publicación na que destaca a excelencia da súa edición e a pormenorizada investigación biográfica e historiográfica por parte da investigadora e profesora Aurora Marco quen, da man de Xanela editorial, "alumea unha obra que supón unha homenaxe á muller e a todo o que significou para o progreso de Galicia ao longo dos tempos", dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, hoxe, no acto de presentación desta publicación que se celebrou no mosteiro de santa María de Xunqueira de Espadanedo. Xunto co proxecto editorial o presidente provincial, acompañado polo alcalde do concello, Carlos Gómez, inaugurou a mostra pictórica que se expón neste histórico edificio, exposición na que participan oito artistas plásticas cuxas obras ilustran a obra Elas.

Manuel Baltar destacou que a cultura "permanece no tempo, e o feito de recoñecer a vida e obra das mulleres galegas, ás máis coñecidas e as anónimas, de todas, porque todas son protagonistas, significa homenaxear á nosa historia, e facelo por medio dunha publicación realizada con tanto esmero e calidade ten un realce especial". Baltar remarcou as referencias que figuran no libro "de destacadas mulleres ourensás que fixeron historia no ámbito literario, como Filomena Dato ou as irmás Pura e Dora Vázquez; no eido musical, como a soprano Ángeles Gulín, e outras en diferentes oficios, citando a polbeiras, parteiras ou mesmo guerrilleiras, todas elas e moitas máis, co denominador común da heroicidade que supuxo a súa reivindicación en distintos ámbitos profesionais e o labor cotiá que desenvolveron ao longo da súa existencia", expresou Manuel Baltar.

O presidente da Deputación destacou o traballo realizado por parte de Xanela Editorial e do editor Xosé Manuel Calviño "porque este libro permítenos achegar unha visión do papel determinante das mulleres galegas", dixo, subliñando tamén o labor "de artistas plásticos como Ehlaba Carballo, quen hoxe nos acompaña e cuxa obra forma parte desta exposición e deste libro singular e sobresaínte", comentou Baltar.

Rematou Manuel Baltar comprometendo o apoio a Deputación de Ourense "para seguir enchendo de propostas culturais este mosteiro e esta contorna da Ribeira Sacra, porque pensamos en clave dun Ourense integrado por 92 concellos onde non importa cal ten mais ou menos habitantes, pois defendemos o territorio e o que denominamos "solidariedade territorial".

Pola súa banda, o alcalde de Xunqueira de Espadanedo dixo que nesta obra "hai un longo percorrido protagonizado por mulleres de diversos estratos sociais, que realizaron un importante labor en todos os campos, das cales a autora recolle biografías datadas no século IV, como é o caso de Erexia, peregrina a Terra Santa, ata os anos setenta do século pasado, como a oleira Lola de Penelas", comentou Carlos Gómez, afirmando que o libro recolle a vida de mulleres "que foron á vez pais e nais, creadoras e criadoras, pero por riba de todo loitadoras en tempos difíciles".

O editor Xosé Manuel Calviño referiuse ao gran traballo desenvolvido pola autora Aurora Marco, "quen leva máis de trinta anos investigando sobre as mulleres galegas, e este libro recolle 410 biografías ilustradas con 38 obras pictóricas e 16 serigrafías orixinais, elaboradas artesanalmente e autenticadas polas súas autoras".

Ademais de Ehlaba Carballo, artista de Xunqueira de Espadanedo, a publicación ilústrase con obras de Clara Rodríguez, Irene Silva Xiráldez, María Manuela, María Xesús Díaz, Novais, Sabela Arias Castro e Vanessa Lodeiro. O acto de presentación do libro e da exposición pictórica contou na súa parte musical coa actuación das cantareiras da Asociación cultural "Os Xuncos".