O proxecto EMPREGOU da Deputación de Ourense, un compromiso de formación para a atención sociosanitaria no rural

Compartir

  • Manuel Doval visitou hoxe aos participantes desta iniciativa, que están a desenvolver o itinerario formativo en O Pereiro de Aguiar.

Ourense, 6 de xuño de 2018.- O deputado provincial Manuel Doval visitou hoxe aos participantes no proxecto EMPREGOU da Deputación de Ourense, que están a desenvolver o itinerario formativo para capacitarse como persoal de atención sociosanitaria a persoas dependentes no fogar e Institucións. Trátase dunha formación que responde aos novos xacementos de emprego –definidos así pola Unión Europea- como aqueles postos de traballo altamente demandados pola sociedade e que requiren dunha especialización.

Na súa visita, Doval incidiu na importancia do capital humano como "o máis importante de todos aqueles que conforman unha sociedade" e da "necesidade de formarse e capacitarse para o emprego", así como da oportunidade que supón que "no rural se estea a desenvolver formación de alta calidade que redundará na posibilidade de inserción laboral e no benestar da sociedade cara a que se dirixe este capital humano". Pola súa parte, o alumnado coincide en destacar a calidade da formación que está a recibir e pola gran implicación do persoal docente e do equipo de coordinación da Deputación.

A acción formativa que desenvolve a Deputación de Ourense está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e está dirixido a persoas menores de 30 anos en situación de desemprego. A formación para o emprego que acolle o municipio de O Pereiro de Aguiar está a finalizar o se período e pronto iniciarase a fase de inserción práctica. Durante toda a duración da formación (6 meses), os participantes perciben mensualmente por parte da Deputación de Ourense unha beca de 381 euros.