Dous colexios do Barco, galardoados no concurso escolar sobre o cambio climático, que organiza a Deputación de Ourense
- O certame, dirixido aos centros escolares da Rede de municipios ourensáns cara a sostibilidade, concedeu os premios nas categorías de Mellor obra de teatro e Mellor colexio participante.
- O CEIP "Divina Pastora" e o CEIP "Condesa de Fenosa", ambos premiados no certame, representaron as súas obras de teatro, previamente ao acto de entrega de galardóns no Teatro Principal, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente.
Ourense, 11 de xuño de 2018.- A Deputación de Ourense conmemorou o Día Mundial do Medio Ambiente coa entrega dos premios do concurso escolar 2018, que baixo o lema "Que efectos ten o cambio climático no teu municipio?", organizou o goberno provincial para sensibilizar á poboación infantil sobre a necesidade de protexer e preservar o medio ambiente, e promover actividades divulgativas sobre o cambio climático. O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, foi o encargado de entregar os galardóns deste certame no Teatro Principal a dous colexios do municipio do Barco de Valdeorras.
Rosendo Fernández destacou que a Deputación de Ourense, sensible ás cuestións do medio ambiente, conmemora esta data "reunindo hoxe aos escolares para falar dun dos bens máis prezados da Terra" e felicitou aos colexios participantes por participar nesta iniciativa. O certame, que recoñece dúas categorías de premios, galardoou ao CEIP Divina Pastora e ao CEIP Condesa de Fenosa, como mellores colexios participantes, concedendo a cada un deles 500 euros, para empregar en material escolar, mentres que o premio á Mellor obra de teatro, recaeu no CEIP Condesa de Fenosa, polo que a clase gañadora gozará dun día completo na Estación de Montaña de Manzaneda desenvolvendo actividades deportivas e de lecer.
Ao evento asistiron preto de cen alumnos acompañados polos seus profesores, xunto con persoal técnico e institucional da Deputación de Ourense e de AquaOurense. Na xornada representáronse as dúas obras de teatro premiadas tralo acto institucional de apertura do Concurso Escolar a cargo do deputado de Cooperación, Pablo Pérez.
No concurso participaron nenos de 6 a 8 anos cunha presentación dunha obra de teatro sobre o cambio climático e o desenvolvemento local sostible, cunha duración de entre 15 e 20 minutos. O certame estivo dirixido aos alumnos dos colexios localizados en concellos integrados na Rede de municipios ourensáns cara a sostibilidade: A Gudiña, O Carballiño, O Barco de Valdeorras, Baltar, Trasmiras, Sarreaus, Xinzo de Limia, Porqueira, Sandiás, Rairiz de Veiga, Verea, A Bola, Celanova, Ramirás, Quintela de Leirado, Gomesende, Pontedeva, Cartelle e A Merca. Xira en torno á problemática ligada ao cambio climático e á importancia de lograr un desenvolvemento local sostible: vagas de calor, quecemento global, secas, redución dos cultivos, inundacións, eficiencia enerxética, mobilidade, perda de biodiversidade, incendios e contaminación dos ríos, preguntándolle aos escolares: "Cales destes efectos estanse a dar no teu municipio?", e "tes algunha idea para evitalos?".