Nova fase na elaboración do "Plan Provincial de Turismo Cultural e Creativo" de Ourense

Compartir

  • Manuel Baltar e Jordi Tresserras avaliaron os traballos realizados ata o momento no marco desta iniciativa.

  • O presidente da Deputación de Ourense propón a candidatura de Ourense como territorio creativo da UNESCO.

Ourense, 20 de xuño de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial co director dos traballos de elaboración do "Plan Provincial de Turismo Cultural e Creativo" de Ourense, Jordi Tresserras, tamén director do Laboratorio de Patrimonio e Turismo Cultural (LABPATC) da Universidade de Barcelona e presidente da rede IBERTUR, para realizar un balance do labor realizado no marco desta iniciativa nestes meses.

Nesta semana tiveron lugar diversos "Focus Groups" no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", onde expertos culturais de Ourense, xestores e representantes de diversas entidades, fixeron achegas e debateron sobre o futuro documento. A elaboración deste Plan é un dos compromisos anunciados polo presidente do goberno provincial no Debate sobre o Estado da Provincia, co fin de "desenvolver un modelo turístico e cultural que dinamice social, cultural e economicamente a nosa provincia e aumente a competitividade da súa actividade turística", explicou Baltar.

A formalización deste plan tivo lugar o ano pasado coa sinatura dun acordo entre o presidente do goberno provincial e Jordi Tresserras para a realización desta iniciativa que ten como obxectivo garantir a competitividade de Ourense dentro do destino Galicia e incrementar a repercusión dos beneficios na sociedade local, procurando que a actividade turística se realice de maneira integrada. Innovación turística, novos produtos e atraer segmentos interesados en ámbitos especializados como o turismo activo, o "laranxa" e o cultural, o gastronómico ou o arqueolóxico, son liñas de acción deste plan.

Ourense, territorio creativo da UNESCO

Asemade o presidente da Deputación de Ourense propúxolle a Jordi Tresserras a posibilidade de presentar a candidatura de Ourense como territorio Creativo da UNESCO, "tendo en conta a calidade e potencial da nosa literatura, co horizonte posto na celebración no ano 2020, dos cen anos da publicación do primeiro número da "Revista Nós", salientou Manuel Baltar.