A comisión de Cooperación abordará a redución de tarifas do aparcadoiro do hospital
- Prevese que os novos prezos entren en vigor a partires do 1 de xullo.
Ourense, 20 de xuño de 2018.- A comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio rural da Deputación de Ourense tratará hoxe o tema das tarifas dos aparcadoiro anexo ao Hospital "Santa María Nai" de Ourense. Na reunión analizouse a aprobación da modificación do contrato de concesión para a explotación do estacionamento para vehículos en terreos anexos ao dito centro hospitalario, que tería efectos a partires 1 de xullo de 2018 no que atinxe ás tarifas do servizo que serían as seguintes: primeiros 30 minutos (0,00 €/minuto), seguintes 30 minutos (0,025 €/minuto) e o resto do tempo (0,020 €/minuto), o que supón unha importante redución das tarifas xerais actuais. E tamén se propoñen tarifas especiais para bonos que van dos 4 días ao mes, para bonos de empregados no CHUOU, para residentes ou por horas. Para a redución das tarifas proponse unha redución do canon a 26.375,50 € anuais a partir de 2019, e a 37.819,13 euros para o ano 2018.
Por outra banda, a comisión informativa de Transparencia e Administración Provincial abordará a aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo do persoal da Deputación de Ourense, conforme co documento aprobado na Mesa Xeral de Negociación do pasado 6 de xuño. A súa aprobación definitiva determinará a obriga de incorporar as súas previsión nos orzamentos da Deputación para o exercicio 2019.
Outro dos temas a abordar nesta reunión será a aprobación inicial do Plan de Ordenación de Recursos Humanos 2018, complementario á RPT da Deputación de Ourense.
Por último nas xuntanzas de hoxe, a comisión informativas Especial de Contas e de Facenda e Economía abordará o expediente nº 2/2018 para a modificación de créditos nos vixentes orzamentos da Deputación, que ascende á cifra total de 296.235 euros.
Na xornada de mañá xoves, 21 de xuño, será a quenda para as comisións de Termalismo, Cultura e Igualdade. Na comisión de Cultura, Deportes e Mocidade abordarase o nomeamento do xurado da XV edición do Premio de Narración e Ilustración "Pura e Dora Vázquez" de literatura infantil e xuvenil, que estaría integrado por: José Manuel Fernández López (proposto polo grupo Popular), Carlos Rodríguez Calvo (proposto polo grupo do PSdeG-PSOE), Mario González Sánchez (proposto polo grupo de Democracia Ourensana), e Xosé Manuel Cid Fernández (proposto polo grupo do BNG).