Baltar ultima o plan da rede europea de gobernos provinciais, co financiamento, medio ambiente e cooperación como eixes

Compartir

  • A axenda do presidente de "Partenalia" en Bruxelas incluíu unha reunión co vicepresidente do Parlamento Europeo e altos cargos da UE e un encontro coa embaixadora de España en Bélxica.

Bruxelas, 21 de xuño de 2018.- O presidente da asociación europea de gobernos provinciais "Partenalia" e presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ultima o plan 2018 desta rede europea de cooperación, que será presentado proximamente e que ten como eixes principais as políticas de cohesión e financiamento, o medio ambiente e a cooperación entre territorios. Na súa reunión, hoxe, co coordinador de Partenalia, Nicolás Reynés, celebrada na sede desta organización en Bruxelas, Baltar destacou a importancia de que Partenalia incida "nos ámbitos do despoboamento e o desenvolvemento sostible, e na necesidade dunha política de cohesión forte, máis aló do 2020, para superar as barreiras estruturais, impulsar o capital humano e mellorar a calidade de vida dos cidadáns, independentemente do territorio onde viva".

A axenda de Manuel Baltar en Bruxelas incluíu unha reunión co vicepresidente do Parlamento Europeo, Ramón Luis Valcárcel, e altos cargos da UE e un encontro coa embaixadora de España en Bélxica, Cecilia Yuste, na sede diplomática na capital comunitaria.

Baltar, quen foi elixido hai semanas, por unanimidade, presidente de Partenalia, organización integrada por autoridades locais intermedias de países de Europa, reivindica o protagonismo dos gobernos provinciais de Europa, situando como prioridade do seu mandato "potenciar a participación cidadá na Unión Europea e coas administracións provinciais, promovendo unha maior interacción e información", ademais da capacidade dos gobernos provinciais "para xestionar directamente fondos europeos da Política de Cohesión, pois deben terse en conta as singularidades dos nosos territorios".