A XXVII Festa do Pan de Cea prevé a venda de 3.500 pezas na celebración deste domingo

Compartir

A Deputación de Ourense colabora con este evento gastronómico, "no que destaca a singularidade deste produto, único pan con Indicación Xeográfica Protexida, no cal se amosa a tradición, a profesionalidade dos panadeiros e a identificación coa nosa terra", afirma Manuel Baltar.

Ourense, 27 de xuño de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares; e do presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) "Pan de Cea", Carlos Rodríguez, presentou hoxe no centro cultural "Marcos Valcárcel" a XXVII edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea, unha celebración que este ano prevé a venda de ao redor de 3.500 pezas de pan, o vindeiro domingo, 1 de xullo, en Cea.

A Deputación de Ourense colabora con este evento gastronómico, "no que destaca a singularidade deste produto, único pan con Indicación Xeográfica Protexida", afirmou Manuel Baltar no acto de presentación, remarcando que o goberno provincial "apoia e promove este alimento, un dos produtos estrela da nosa gastronomía, esencia do noso medio rural, que o vindeiro domingo celebra a súa festa anual".

Baltar agradeceu ao concello de Cea, ao seu alcalde e tamén a Carlos Rodríguez o traballo que desenvolven tantas persoas para facer realidade cada ano a exaltación do Pan de Cea, "un traballo que vén de séculos, e que personifica nos panadeiros ese labor que eleva este produto ao mellor da nosa gastronomía". A festa do Pan de Cea, declarada de Interese Turístico "nunca falla porque é tradición, profesionalidade e tamén, identificación coa terra", expresou o presidente do goberno provincial.

O programa da festa, que xa ten desenvolvido ao longo desta semana diferentes actividades, comezará o domingo ás 10.00 horas cun pasarrúas a cargo de charangas, e ao mediodía realizarase a recepción de actividades no campo da Saleta. Unha hora máis tarde será o pregón, por parte do cociñeiro Adrián Díaz García, e posteriormente ofrecerase unha degustación de produtos galegos con distintivo de calidade, e de seguido terá lugar o tradicional xantar, no que está prevista a participación dunhas 500 persoas.

Durante toda a xornada haberá actuacións musicais e un espazo expositivo no que unha vintena de empresas exhibirán os seus produtos, ademais de artesanía e de stands institucionais como o do Inorde e outros nos que se exporán produtos amparados por distintos consellos reguladores agroalimentarios galegos. Unha das novidades deste ano é a cesión duns cadros por parte do pintor local José González Freixedo, quen é autor do cartel deste edición.

Previamente ao día grande da festa, o vindeiro sábado, 30 de xuño, terá lugar a V Ruta dos Fornos, que permite un percorrido gastronómico por diferentes fornos de Cea para degustar produtos típicos galegos. Este ano pódese adquirir polo prezo de 10 euros unha pulseira que permite visitar todos os fornos e gozar desta experiencia gastronómica, levando como recordo unha cunca. As pulseiras pódense adquirir na Casa do Concello e en determinados establecementos da vila. A Ruta dos Fornos desenvolverase polos fornos do Lodairo, da Parapeta, do Santo, do Abade e da Cebola, nos cales os visitantes poderán degustar embutidos tradicionais, queixo galego, viños, tortilla de pataca de Galicia e empanada de Pan de Cea.