Reunión de Manuel Baltar coa presidenta do CRDO Monterrei
Ourense, 27 de xuño de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial coa presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Lara da Silva, con quen analizou as actuacións que esta denominación de orixe está levando a cabo coa colaboración económica da Deputación de Ourense, que desde hai uns anos destina nos seus orzamentos un importe de 50.000 euros para cada unha das denominacións de orixe da provincia de Ourense.
Baltar e Da Silva abordaron ademais o tema do traslado da sede do consello regulador, que tamén conta coa colaboración, a maiores, da Deputación de Ourense, e repasaron aspectos relacionados coa "Ruta do Viño de Monterrei", "considerando importante que a institución provincial pase a formar parte da dita ruta, porque ao redor do sector vitivinícola xérase un espazo de oportunidades vencellado ao turismo e á gastronomía", expresou Manuel Baltar, confirmando a asistencia á Feira do Viño de Monterrei, que comezará o 10 de agosto, e destacando a canle de comunicación que se abre, que seguirá fortalecendo ao sector do viño en Ourense, "un dos importantes da nosa provincia, que ten un peso específico na nosa economía, e a Deputación ten que estar con este sector", destacou Baltar.