Este mes entraron en vigor as novas tarifas do aparcadoiro do hospital, que o converten no estacionamento público máis barato de Galicia
- O día 1 de xullo entraron en vigor os novos prezos para os bonos e o día 15 será a data para as tarifas xerais.
- O pleno da Deputación de Ourense aprobou o pasado mes de xuño as novas tarifas, "un feito dos máis importantes da lexislatura polo que supón de logro en favor do usuarios, algo polo que vén traballando o goberno provincial para acadar unha mellora económica deste servizo a prol dos cidadáns", afirma Manuel Baltar.
Ourense, 10 de xullo de 2018.- A redución de tarifas do aparcadoiro do hospital "Santa María Nai" de Ourense é "un feito dos máis importantes da lexislatura polo que supón de logro en favor do usuarios, algo polo que vén traballando o goberno provincial para acadar unha mellora económica deste servizo a prol dos cidadáns", afirma o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen valora "moi positivamente" que este mes de xullo entrasen en vigor os novos prezos do aparcadoiro -o dia 1 para os bonos e o día 15 para as tarifas xerais-, aprobados no pleno da Deputación do pasado 29 de xuño, convertendo así a este estacionamento no aparcadoiro público máis barato de Galicia.
O pleno da Deputación de Ourense aprobou a redución de tarifas do estacionamento do hospital, acordo no que tamén se propoñen tarifas especiais para bonos por días, bonos para empregados do CHUO e para residentes. Así, o pleno aprobou a modificación do contrato de concesión para a explotación do estacionamento en terreos anexos ao hospital "Santa María Nai" no que atinxe ás tarifas do servizo, que serán as seguintes: primeiros 30 minutos (0,00 €/minuto), seguintes 30 minutos (0,025 €/minuto) e o resto do tempo (0,020 €/minuto). E tamén se propuxeron tarifas especiais de bonos que van de 1 a 30 días, bonos por horas, e bonos para traballadores do CHUO (35 €/mes). Ademais, aprobouse que o canon que deberá aboar a concesionaria é de 37.819,13 euros no ano 2018 e de 26.375,50 euros no ano 2019 e seguintes ata a extinción da concesión.
Neste sentido, unha das principais novidades que entra en vigor a partir do 15 de xullo é a gratuidade da primeira media hora de estacionamento. Por outra banda, o prezo dos bonos é: para un día, 6 €; para 5 días, 20 €; para 10 días, 29 € e para 30 días, 55 €, mentres que o bono de 30 horas custará 29 € e o bono de 50 horas, 45 €. As rebaixas nos diferentes tramos aprobadas no pleno do pasado mes de xuño superan o 50 % respecto dos prezos vixentes antes do acordo plenario. Asemade, para os traballadores do CHUO o bono mensual ten desde o pasado 1 e xullo unha tarifa de 35 €.