A comisión de Cultura aborda a programación da Escola de Artes e Oficios para o curso 2018-2019
Ourense, 18 de xullo de 2018.- As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran esta tarde e mañá xoves as reunións correspondentes ao mes de xullo de 2018. Na comisión informativa de Cultura, Deportes e Mocidade abordarase a programación anual da Escola de Artes e Oficios para o curso 2018-2019, que prevé actividades formativas de Debuxo e iniciación á pintura, Perfeccionamento en pintura, Talla e escultura en madeira, Modelado-escultura en barro, e Olería.
O curso desenvolveríase entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de xuño de 2019, coa impartición de tres horas de docencia diarias en cada disciplina en días hábiles. O prazo de inscrición será do 1 ao 30 de setembro, ambos incluídos, e poderá formalizarse no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", no modelo normalizado dispoñible nas ditas oficinas, e esixirá o ingreso da matrícula anual establecida. Poderán matricularse alumnos a partir dos 12 anos de idade e os prezos serán: para a matrícula anual por disciplina: 50 € e para o abono mensual por disciplina: 10 €/mes por alumno. Nos prezos aplicarase unha bonificación do 100% para os alumnos que teñan a condición de desempregados ou que formen parte dunha unidade familiar na que os dous proxenitores se atopen en situación legal de desemprego acreditada. Asemade, establécese unha bonificación do 100% na matrícula para as persoas con síndrome de Down e persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33%.
Por outra banda, a comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente tratará a adhesión da Deputación de Ourense á Asociación "Ruta do Viño de Valdeorras", iniciativa que ten como finalidade promover aspectos claves como o turismo e a economía a través do sector vitivinícola dentro do ámbito territorial do concello regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras.
A comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía abordará a proposta de modificación do expediente 3/2018 de modificación das bases de execución do orzamento xeral de 2018 cos seguintes conceptos: para destinar aos concellos de Muíños, Bande, Lobeira, Entrimo e Lobios un importe total de 20.000 euros (4.000 euros por concello) para desenvolver actividades deportivas na comarca do Xurés; para a concesión dun crédito extraordinario por importe de 50.000 euros para actividades culturais Festival Internacional de Cine. Asemade, tratarase o expediente de modificación de créditos e das bases de execución dos orzamentos do Inorde, referido a un importe de 115.805 euros, e abordarase tamén o recoñecemento extraxudicial de créditos nº 1/2018 para gasto de orzamento corrente de 2018 por importe de 282.824 euros.
Finalmente, a comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural tratará o expediente de expropiación forzosa para a execución da obra de acondicionamento na estrada OU-0502, no municipio de Coles.