Manuel Baltar visita as obras dos canóns de innivación en Manzaneda

Compartir

  • Acompañado do director Xeral de Meisa, Gustavo Samartín, comprobou sobre o terreo o avance das actuacións.

Ourense, 14 de agosto de 2018.- O presidente Deputación de Ourense, Manuel Baltar visitou, guiado polo director Xeral de Meisa, Gustavo Samartín, as obras en execución na estación de montaña de Manzaneda para dotar a esta infraestrutura deportiva dos canóns de innivación proxectados. Baltar salientou a aposta da Deputación por estas instalacións e pola comarca de Trives-Manzaneda, tratándose do investimento máis alto deste mandato: 1.500.000 euros de fondos propios máis a parte correspondente –case o 50 %- da operación financeira solicitada por MEISA, o que fai un total, xuntando o 1'5 millóns da Xunta de Galicia, de 4.586.300 euros.

Manuel Baltar dixo que "o goberno provincial, recuperada a súa situación económica, co menor endebedamento e o maior remanente de tesourería da historia da Institución, decidiu volver ao accionariado de MEISA e crer no seu potencial como motor dinamizador da comarca e polo de atracción da nosa provincia". "Trátase dun proxecto estratéxico e de interese provincial, guía da nosa actuación política, como fixemos cando investimos máis dun millón cen mil euros nos accesos ao novo complexo hospitalario de Ourense. Xerar recursos e empregalos de xeito responsable é a nosa obriga principal, cumprir o noso Plan de Mandato "Ourense 15-19" é un dos obxectivos irrenunciables do noso executivo, máxime cando se trata de proxectos sostibles orientados ao ámbito do medio ambiente, das infraestruturas... o camiño da dinamización social e económica de Ourense", engadiu o presidente do goberno provincial.

Asemade –salientou Baltar- "estamos ante nun proxecto clave, obra dun dos grandes homes desta provincia, visionario como ninguén, José Luís Outeiriño, que merece todo o empuxe e enerxía do goberno de Ourense". A Estación de Montaña de Manzaneda é a única estación de esquí de Galicia, "capaz de atraer visitantes e usuarios doutras Comunidades Autónomas e mesmo do norte de Portugal. De tal modo que, procuramos que aumenten o número de semanas abertas ao público na tempada de inverno polo incremento e durabilidade da neve, cun equipamento co que contan xa outras estacións", explicou Manuel Baltar, quen engadiu que "temos claro tamén que unha estación de montaña como Manzaneda ten que desestacionalizar o seu uso, ofertando diversas posibilidades de ocio e goce ao longo do ano, labor na que están facendo fincapé dende a actual dirección da Estación. Trives-Manzaneda pode ter un dinamismo tremendo, sendo estes traballos claves para as empresas locais e para a creación de postos de traballo e novos proxectos empresariais".

Actualmente, o estado dos traballos executados supera o 50 % do proxectado, atopándose segundo o planning establecido. "Estamos ante unha importante obra de enxeñería consistente, fundamentalmente, na construción de dúas balsas de acumulación de auga con capacidade de 38.000 metros cúbicos, máis de 2'5 kilómetros de tuberías de innivación, 32 arquetas, 29 canóns innivadores, sistema hidráulico e eléctrico de innivación, en definitiva, estamos ante unha obra de vangarda nun enclave único", sinalou o presidente da Deputación de Ourense.