Manuel Baltar e Jesús Vázquez visitan a Alameda do Cruceiro, primeiro parque inclusivo de Galicia

Compartir

  • O investimento destinado ás obras de rehabilitación deste espazo ascende a preto de medio millón de euros, cofinanciado pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense.

Ourense, 20 de agosto de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad visitaron hoxe a Alameda do Cruceiro, tralas obras de rehabilitación levadas a cabo neste espazo que o converten no primeiro parque inclusivo de Galicia e para o que se destinou un investimento de preto de medio millón de euros (459.619,11 euros), cofinanciado pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense.

Durante a visita, o presidente do goberno provincial destacou que a Deputación de Ourense, unha vez máis, "asume o compromiso de continuar a colaborar co Concello de Ourense porque a "cooperación" é a palabra clave en política e hoxe damos unha mostra máis dese exercicio". Así mesmo, Baltar lembrou que neste mandato "incluímos ao Concello de Ourense no Plan de Obras que inclúe a tódolos municipios da provincia, porque entendemos que ao ser a capital da provincia tamén ten un peso fundamental para tódolos visitantes dos demais concellos" e salientou a capacidade de atracción que terá este novo espazo para os rapaces da provincia por ser "un parque innovador pola súa inclusividade e por ofrecer diferentes actividades para nenos de tódalas idades".

O alcalde de Ourense, quen agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense para poder sacar adiante este proxecto, explicou que as obras "supoñen a rehabilitación dunha zona que estaba degradada no centro da cidade". Así mesmo, Jesús Vázquez dixo que agora a cidadanía "pode gozar dunha zona común para o lecer e o esparexemento de pequenos e maiores".

O parque conta con xogos para nenos de tódalas idades, unha tirolina dobre que é a segunda máis longa de Galicia, xogos con cordas, de actividade acuática con chorros, canóns e arcos de auga e unha zona de xogos tradicionais: o truco, o trompo, un circuíto das chapas e mesmo os xices para pintar no chan.

Abrir o espazo e eliminar barreiras

O proxecto buscou a oportunidade de abrir o espazo a dúas rúas, Concello e Cruceiro, eliminando barreiras físicas, mellorando a accesibilidade mediante a demolición de peches, así como un achegamento a un espazo que quedou confinado por unha notable diferenza de altura: o da Rúa Progreso. Tamén eran obxectivo deste proxecto a eliminación de tódalas barreiras arquitectónicas existentes e a eficiencia enerxética, incorporando equipos de calidade contrastada e grande rendemento.

O proxecto tentou potenciar as entradas pasando dunha soa entrada accesible a dúas, ambas desde a rúa Concello. Unha vez dentro atopámonos cun paseo perimetral que enmarca no seu interior catro zonas de esparexemento totalmente diferentes pero algunhas delas moi vinculadas.

Na parte superior do parque está emprazada a área de xogos para nenos de cero a seis anos, que se amplía e incorpora xogos con accesibilidade para cadeira de rodas.

Tirolina dobre e espazo acuático

Tamén na parte superior, en sentido descendente, instalouse unha tirolina dobre con chan de pradería e delimitado por dúas aliñacións de árbores que nun futuro darán unha imaxinaria sensación forestal moi atractiva. Na parte inferior desta zona, un espazo de xogos con cordas para acoller ata 8 nenos sentados ou ben de pé.

Hai tamén espazo para xogos de actividade acuática para nenos desde 0 a 12 anos no que entren a xogar en espazo dotado de chorros, canóns e arcos de auga. Para eles prevese un espazo de 162 metros cadrados no que xogar coa auga, mesmo aqueles con mobilidade reducida, xa que non existen bordos, nin pendentes nin obstáculos de ningún tipo.

A auga reutilizarase nun ciclo pechado, e o resto do ano será unha fonte nocturna cun equipamento de iluminación artística en convivencia coa auga achegando cor e relax visual e auditivo.