A Deputación de Ourense, no III Congreso nacional sobre despoboamento rural, que analiza estratexias sobre o reto demográfico

Compartir

  • Manuel Baltar participará o venres neste cumio, que se celebra na localidade palentina de Aguilar de Campoo, xunto aos máximos responsables das deputacións de Huesca, Castellón, Xaén e Palencia.

  • 40 expertos de diferentes ámbitos profesionais e representantes políticos reflexionarán sobre o desafío poboacional do rural co obxectivo de perfilar unha estratexia nacional de loita contra esta problemática.

Ourense, 15 de outubro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participará o vindeiro venres no "III Congreso nacional sobre despoboamento no medio rural", que se celebrará en Aguilar de Campoo, cumio no que se analizarán por parte de expertos e representantes institucionais estratexias sobre o reto demográfico. Baltar presentará as experiencias impulsadas pola Deputación de Ourense neste ámbito, nunha xornada na que tamén intervirán os presidentes das deputacións de Huesca, Castellón, Xaén e Palencia, abordando o papel das administracións locais na loita contra o despoboamento e as propostas que desenvolveron nos seus territorios.

40 responsables institucionais e especialistas de diferentes ámbitos profesionais participarán neste congreso que organiza a Deputación de Palencia e a FEMP, coa colaboración do Concello de Aguilar de Campoo. No debate estarán as distintas fórmulas e propostas enfocadas a frear a regresión poboacional do mundo rural, co desafío de perfilar unha estratexia nacional ante o reto demográfico.

O programa abrangue ao longo de dous días, 18 e 19 de outubro, mesas de debate nas que se afondará nas problemáticas do despoboamento, e analizaranse posibles medidas de carácter público e privado, por parte de representantes institucionais, expertos en despoboamento, emprendedores, empresarios e xornalistas, quen ofrecerán relatorios sobre: "Posibilidades do medio rural", "A conectividade dixital como oportunidade do rural", "Equilibrio entre rural e urbano", "Experiencias europeas para o reto demográfico", "Innovación e emprego no rural", e "Experiencias de éxito no ámbito provincial".