A Deputación de Ourense aumenta o número de estradas de titularidade provincial, que abranguen máis de 1.855 quilómetros
Ourense, 17 de outubro de 2018.- O Pazo Provincial da Deputación de Ourense acolle hoxe e mañá as reunións das comisións informativas da institución correspondentes ao mes de outubro de 2018. Na xornada de hoxe, a comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordará a aprobación do catálogo de estradas da Deputación de Ourense. A relación de estradas da Deputación a data 1 de maio de 2018 inclúe dúas novas estradas: a OU-1117 Xinzo (N-540) – Vilar de Barrio (OU-1102) e a OU-1217 As Carreiras (OU-1202) – N-540. De tal modo, que en total o número de estradas que a Deputación ten na súa titularidade na provincia ascende ás 264 ao longo das doce comarcas e cunha lonxitude correspondente de 1.855,164 quilómetros, sendo a comarca de Ourense a que conta cunha maior porcentaxe de estradas provinciais (16,49%) con 46 estradas.
Outro dos temas a abordar na reunión será a expropiación forzosa para a execución da obra "acondicionamento e mellora da OU-0602 Leboreiro-Encoro de Chandrexa", no concello de Chandrexa de Queixa, así como a aceptación da delegación de competencia formulada polo Concello de Leiro para a tramitación do expediente expropiatorio para a execución da obra "acondicionamento da rúa Casanova".
A comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía abordará o expediente nº 5/2018 para a modificación de créditos nos vixentes orzamentos da Deputación, polo que se concede un crédito extraordinario de 200.000 euros e que se financiará con anulacións ou baixas de crédito doutras partidas do orzamento.
Na xornada de mañá xoves, a comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente tratará o programa de cooperación entre a Deputación de Ourense e o Concello de Toén para a prestación de asistencia técnica para a xestión do bombeo de auga residual en Puga. O servizo de asistencia técnica consistirá nun plan de mantemento preventivo das instalacións, semanal, que inclúe limpeza, xestión de control de alarmas do bombeo e o seu seguimento e asistencia ás avarías que se ocasionen. Este servizo será prestado pola Deputación de forma indirecta a través da entidade Aquaourense. En contraprestación, a institución provincial percibirá a tarifa fixa única pola instalación dun Telecontrol GSM e autómata modelar de 500 euros e un custo anual de 3.015 euros. A vixencia do convenio será desde o primeiro día do mes seguinte á súa publicación ata o 31 de decembro do 2019.