Manuel Baltar destaca o "compromiso con Ourense" da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao

Compartir
  • O presidente da Deputación de Ourense participou na clausura da Asemblea Xeral da entidade, na que agradeceu o papel que exerce esta asociación como "xeradores de riqueza e de emprego".

  • Durante o acto, o ex-baloncestista, Juan Antonio Corbalán ofreceu un realtorio sobre "Éxito, saúde e felicidade: unha cuestión de actitude", e o Grupo Cuevas recibiu o "Premio Empresa Consolidada".

Ourense, 19 de outubro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe, na clausura da XXXIX Asemblea xeral da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, onde agradeceu á Asociación o seu "compromiso con Ourense, exercendo un papel moi importante como xeradores de riqueza e de emprego" e destacou que se trata de "retos e obxectivos que o goberno provincial comparte con esta asociación".

Baltar lembrou a "alianza de cooperación" que existe entre a Asociación e a Deputación de Ourense, "unha cooperación permanente e que se manifesta en cuestións de real interese", poñendo como exemplos o servizo de bombeiros –que financia integramente a institución provincial- e a colaboración para proxectos como "O Polígono en cifras", un diagnóstico da situación do Polígono de San Cibrao que estuda tamén tendencias e oportunidades.

No acto, no que tamén participou o presidente da Asociación, Elías Mera, quen pecha a súa etapa ao fronte desta entidade con logros históricos, fixo un balance do seu mandato ante a que foi a súa última Asemblea Xeral. Na súa intervención destacou que durante estes oito anos alcanzáronse algúns retos importantes para o Polígono como as afiliacións á Seguridade Social por conta de cotización rexistraron valores positivos nun entorno de caídas xerais, crecendo máis de 8 puntos respecto a Ourense e 4 respecto a Galicia; así como o comezo das obras do enlace coa A-52, foron algúns dos feitos que Elías Mera salientou como retos cumpridos durante este período especialmente difícil.

Neste sentido, o presidente da Deputación de Ourense agradeceu expresamente "o liderazgo e a vocación de servizo público de Elías Mera ao fronte da asociación", resaltando a súa excelente dispoñibilidade para afrontar proxectos conxuntos que persigan melloras para Ourense. Así mesmo, Baltar dixo que a Asemblea foi "unha magnífica oportunidade para saudar unha gran noticia para o Polígono: a inclusión nos orzamentos da Xunta para o 2019 da conexión do polígono coa A-52, un proxecto largamente demandado cun orzamento de 20 millóns de euros".

No decurso do acto, o presidente do goberno provincial foi o encargado de presentar a Juan Antonio Corbalán, un dos mellores xogadores de baloncesto europeo da súa época e capitán da selección española, que logrou a medalla de prata nas Olimpíadas de Los Ángeles, que ofreceu un relatorio aos asistentes sobre "Éxito, saúde e felicidade: unha cuestión de actitude", como prestixioso cardiólogo e experto en medicina deportiva e do traballo.

Concluída a Asemblea, o presidente da Deputación de Ourense entregou o galardón "Premio Empresa Consolidada", concedido pola Asociación, a Elena de las Cuevas, en nome do Grupo Cuevas.