"Olladas na rúa" analiza a arquitectura do Pazo Provincial con Manuel Baltar
- O presidente da Deputación de Ourense e a arquitecta da institución Eva Reza participaron na visita guiada polo edificio, organizada polo Colexio de Arquitectos de Ourense, que contou coa presenza dun centenar de persoas.
- A historia do inmoble, os cambios que experimentou desde 1865, e as novas iniciativas que se prevén no ámbito enerxético e de espazos, centraron a visita.
Ourense, 26 de outubro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta tarde na actividade que organiza o Colexio de Arquitectos de Ourense, "Olladas na rúa", que ten como obxectivo analizar desde o punto de vista arquitectónico espazos e edificios emblemáticos ourensáns. Nesta ocasión, o protagonista foi o Pazo Provincial, e o presidente Baltar estivo acompañado na visita guiada pola arquitecta da Deputación Eva Reza, directivos do Colexio de Arquitectos e ao redor dun centenar de persoas, que percorreron diferentes plantas do inmoble.
A historia do edificio, os cambios que experimentou desde 1865 e as novas iniciativas que se prevén no ámbito enerxético e de espazos, centraron a visita e permitiron aos asistentes analizar, comentar e reflexionar sobre o acontecer arquitectónico do Pazo Provincial. Manuel Baltar agradeceu ao Colexio de Arquitectos "o interese por visitar este espazo da administración provincial e por desenvolver esta iniciativa que achega a historia da nosa provincia a través dos seus edificios máis emblemáticos".
Baltar explicou que a historia do Pazo Provincial comezou en 1865, cando a familia Pérez Bobo tivo a iniciativa de instalar nel unha fábrica de tecidos, aínda que, unha vez finalizada a edificación, alugárona a diferentes organismos oficiais, situando neste inmoble a Delegación de Facenda, o Goberno Civil e a Audiencia Provincial, pasando a ser propiedade da Deputación a finais do seculo XIX, cando a mercou para instalar nela súas dependencias.
O presidente do goberno provincial comentou a iniciativa actual para ampliar as dependencias da Deputación de Ourense contando con novas oficinas administrativas no edificio de Correos da Alameda, que prevé albergar, entre outras dependencias, ao Inorde, situando no actual espazo desta entidade o Museo da Roda de Afiar, un proxecto do que Baltar destacou o labor que vén realizando durante anos Florencio de Arboiro para pór en valor este destacado elemento da historia e a etnografía ourensá.
Manuel Baltar guiou aos participantes polo percorrido que se realiza nas xornadas de "portas abertas" –instauradas hai seis anos-, onde se visita o despacho do presidente, a sala de xuntas, e as galerías de retratos de intelectuais ourensáns e de expresidentes da Deputación, para rematar no salón de plenos. O presidente tamén citou como outros edificios cos que conta a Deputación: o centro cultural "Marcos Valcárcel", o Teatro Principal e o pazo dos deportes "Paco Paz".
Pola súa banda, Eva Reza destacou a composición arquitectónica do Pazo Provincial "tan sinxela como perfecta", dixo, "o que lle permite afrontar os cambios que tiveron lugar no tempo para o uso administrativo destas instalacións". A arquitecta definiuno como "un edificio en constante evolución, que na actualidade estase a adaptar á nova conectividade virtual", e explicou os proxectos que se están desenvolvendo na actualidade, como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e o estudo da dimensión ecolóxica do edificio para a integración das enerxías renovables, "algo novidoso para un edificio desta idade". Ademais, comentou que se prevén actuacións de renovación na fachada en nas carpinterías do edificio, para o cal se realizou un estudo seguindo a metodoloxía proposta para as rehabilitacións: analizar, diagnosticar e definir", destacando a complexidade que supón actuar nun edificio como este, "porque calquera iniciativa debe ser reversible en función do uso".
Eva Reza, quen realizou a parte técnica da visita de hoxe, é especialista en Urbanismo e formou parte da comisión que, por medio da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, levou a cabo o proxecto de recuperación de "Intramuros", a cidade amurallada máis antiga de Manila, capital de Filipinas, construída polos españois no século XVI.