Homenaxe ao galeguista Rodolfo Prada nos Peares, no 38º aniversario do seu pasamento
- No acto, celebrado no Museo do Tren, o presidente da Deputación de Ourense definiu a Prada como "fundamental na historia contemporánea de Galicia, polo seu labor no asociacionismo migratorio, a reivindicación dunha Galicia democrática e autónoma, e o seu activismo cultural".
- Baltar propuxo cooperar entre Deputación e Xunta de Galicia para impulsar nos Peares "un centro de interpretación que recolla a memoria do ideario galeguista en América".
- No acto participou tamén a neta do intelectual ourensán, María Elena Prada, quen afirmou que chegou o momento "de trasladado de Bos Aires á súa terra nai", e descubriuse unha escultura de Buciños "que expresa todo o que nos identifica e distingue como galegos", dixo Baltar.
Ourense, 5 de novembro de 2018.- O Museo do Tren dos Peares foi o escenario hoxe da homenaxe ao galeguista ourensán Rodolfo Prada, no 38º aniversario do seu pasamento, un acto no que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, definiu a Prada como "un persoeiro fundamental na historia contemporánea de Galicia, tanto polo seu labor no asociacionismo migratorio, como pola súa reivindicación dunha Galicia democrática e autónoma e o seu constante activismo cultural". Baltar, quen participou no acto xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e a neta do intelectual, María Elena Prada, propuxo cooperar entre Deputación de Ourense e Xunta para impulsar nos Peares "un centro de interpretación que recolla a memoria do ideario galeguista en América".
Baltar lembrou que o goberno provincial sentou as bases e puxo en marcha o premio "Rodolfo Prada de xestión cultural", organizado en colaboración coa Asociación galega de profesionais da xestión cultural, "e recollemos a idea formulada polo titular da Asociación Cultural "Rodolfo Prada" dos Peares, Francisco González, de erguer un memorial que permita visibilizar ao insigne galeguista, diante do predio onde naceu en 1892, e o escultor Manuel Buciños, un dos grandes da nosa arte, expresou en bronce todo o que nos identifica e distingue como galegos".
Sobre a biografía de Rodolfo Prada, o presidente Baltar destacou que cobra unha dimensión fundamental a partir de 1931, "data na que viaxa a Galicia para asistir ao congreso constitutivo do Partido Galeguista como representante da emigración. Será o comezo da súa amizade e absoluta lealdade con Castelao".
"Prada participou desde América en todos os movementos que conforman a historia do galeguismo ao longo do século XX –destacou Manuel Baltar-; desenvolveu un importante papel mediador nos conflitos cos galeguistas do interior; e fundou a Asociación Protectora da Academia Galega, a Casa de Galicia, o Centro Ourensano e o Instituto Arxentino de Cultura Galega". "O seu ourensanismo militante acompañouno sempre", dixo, agradecéndolle á neta de Prada a súa presenza no acto e asegurándolle que desde a Deputación de Ourense "faremos todo o posible para cumprir a derradeira vontade do seu avó, para que as cinsas daquel home bo e xeneroso, do patriota nunca excluínte nin sectario, descansen na terra que o viu nacer".
Neste sentido, María Elena Prada agradeceu a Manuel Baltar todo o que a Deputación de Ourense está a facer por poñer en valor a figura do seu avó e dixo que "chegou o momento de trasladado desde o panteón do Centro Galego, na Chacarita, en Bos Aires, á súa terra nai".
Alberto Núñez Feijoo destacou que hoxe Os Peares "é a capital da cultura galega" e cualificou a Rodolfo Prada como "un loitador contra o esquecemento e a prol da esperanza", subliñando que conseguiu que Bos Aires, daquela, "non fose unha capital de expatriados senón da Galicia que agardaba reiniciar seu camiño". O presidente da Xunta afirmou que Prada foi un exemplo de unidade, "construíu a ponte máis grande de todas: a que une América e especialmente Bos Aires, con Galicia", poñendo o acento na importancia de figuras como Castelao e toda a xeración coetánea á hora de impulsar un "patriotismo de afectos".
No acto, no que tamén participaron o alcalde da Peroxa, Manuel Seoane, e o presidente da Asociación "Rodolfo Prada", Francisco González; actuou como mantedor o poeta Luís González Tosar, quen lembrou as súas vivencias de cando coñeceu a Prada en Bos Aires e a amizade que mantiveron ao longo do tempo, destacándoo como "amable, sincero e xeneroso galego". "Unha personalidade fundamental da galeguidade", dixo.
Rodolfo Prada, nado nos Peares en 1892 e finado en Bos Aires en 1980, foi o gran valedor de Castelao na Arxentina e seu albacea testamentario, ademais dun referente do galeguismo e o artífice de unir as asociacións de emigrantes que había daquela en Bos Aires: os centros orensano, pontevedrés, lucense e coruñés; e destacou pola súa implicación co Partido Galeguista e, previamente, a súa afiliación ás Irmandades da Fala, en 1917.
Xunto con Julio Dávila e Luís López fundou en 1919 a Asociación Protectora da Real Academia Galega e desempeñou a súa secretaría, polo que foi nomeado correspondente da corporación galega. A partir de 1920, cando resultou elixido secretario da Casa de Galicia, converteuse nun activo propulsor da galeguidade. Nese mesmo ano creou e dirixiu a revista "Acción Gallega" e o ateneo de Cultura Galega. Pouco despois, en 1924, foi redactor xefe e copropietario de Correo de Galicia. En 1932 participou na fundación da Organización Nacionalista Republicana Gallega, que chegou a presidir entre 1936 e 1937, e ao ano seguinte foi nomeado presidente do Centro Gallego de Bos Aires.
Como membro do Centro Orensano dirixiu o seu órgano periodístico, El Orensano, e posteriormente Opinión Gallega, e conseguiu a publicación de Sempre en Galicia, de Castelao. Entre as conferencias que pronunciou destaca Encol da nosa Galiza (Montevideo, 1935) e Antolín Faraldo; ademais, mantivo unha interesante correspondencia con Castelao, con quen colaborou estreitamente.