A Deputación de Ourense asina con Ecuador un protocolo de colaboración no ámbito do turismo

Compartir

  • Manuel Baltar e o ministro de Turismo ecuatoriano, Enrique Ponce de León, rubricaron hoxe no Pazo Provincial un convenio para levar a cabo iniciativas de asesoramento e intercambio de información nos campos da investigación e a innovación turística.

  • Iniciativas como o proxecto "Provincia turística intelixente", o plan "Ourense, a provincia termal", o termalismo deportivo e a Ribeira Sacra como patrimonio mundial da Unesco, son algúns dos temas que centraron o interese do encontro coa delegación ecuatoriana.

Ourense, 8 de novembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe co ministro de Turismo de Ecuador, Enrique Ponce de León, un protocolo de colaboración entre ámbalas dúas entidades co obxectivo de levar a cabo iniciativas de asesoramento e intercambio de información nos campos da investigación e a innovación turística. No marco da recepción oficial, que tivo lugar no Pazo Provincial, a delegación ecuatoriana interesouse por iniciativas como o proxecto "Provincia turística intelixente", o plan "Ourense, a provincia termal", os programas de termalismo deportivo, e o labor que desenvolve o goberno provincial para acadar o recoñecemento da Ribeira Sacra como patrimonio mundial da Unesco.

O acordo de colaboración asinado hoxe céntrase na colaboración motivada polos recursos turísticos que Ourense e Ecuador posúen, especialmente nos ámbitos da natureza, o rural e o termalismo. Unha comisión mixta integrada por representantes da Deputación de Ourense –por medio do Inorde- e do Ministerio de Turismo de Ecuador será a encargada de propoñer proxectos de investigación e innovación turística de interese común.

Manuel Baltar afirma que esta alianza de cooperación que hoxe se inicia entre Ourense e Ecuador "é unha oportunidade importante para establecer lazos de colaboración no sector turístico, no noso caso, fundamentados no termalismo, na cultura propia ourensá e na condición de provincia medioambiental e agardando que este protocolo de colaboración asegure unha fluída relación que nos leve a importantes acordos en materia do coñecemento e intercambio de boas prácticas na xestión do turismo", remarcando que esta relación "que iniciamos con Ecuador supón unha nova ponte importante entre Ourense e Iberoamérica".

Pola súa banda, Enrique Ponce de León, quen foi convidado polo presidente Baltar a asinar no Libro de Honra da Deputación de Ourense, agradeceu "ao pobo de Ourense e ao presidente da Deputación o recibimento" e expresou que esta visita "é un encontro de aprendizaxe, de intercambio de experiencias, que signifiquen unha cooperación sobre todo en materia de turismo, gastronomía, patrimonio histórico-artístico e termalismo entre os nosos territorios".

Tanto a Deputación de Ourense como o Ministerio de Turismo de Ecuador manteñen contacto por medio do grupo de investigación de Turismo e Marketing (OC2) da Universidade de Vigo, en áreas relacionadas cos temas afíns a dito grupo de investigación, que ademais coordina o máster universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde. Neste sentido, o protocolo de colaboración permitirá un aproveitamento máis óptimo dos recursos e unha cooperación activa no desenvolvemento de iniciativas turísticas comúns.