Homenaxe ao Centro Ourensano de Montevideo, referente da Ourensanía en Uruguai
- No acto celebrado hoxe na sede desta institución Manuel Baltar destacou "o compromiso coa historia e coa identidade da nosa emigración que ten demostrado o Centro Ourensano de Montevideo nos setenta e dous anos de existencia".
- Esta entidade -a máis antiga de Sudamérica en levar o nome de Ourense na súa denominación-, presentou á súa colectividade o premio Ourensanía entregado onte en Bos Aires.
- A celebración contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense; do presidente da entidade, Jesús Vázquez Martínez, e o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, cuxa comarca, Terras de Celanova, é a que rexistra unha das maiores colectividades de emigrantes ourensáns en Uruguai, pertencendo á maioría dos seus asociados ao Centro Ourensano de Montevideo.
- Manuel Baltar recibiu a medalla do Centro Ourensano e un disco da Coral de Ruada dedicado por Antón Alonso Ríos nos anos setenta, "que pasarán a ocupar un sitio destacado no futuro Museo da Emigración da Deputación de Ourense", expresou o presidente provincial.
Montevideo, 12 de novembro de 2018.- O Centro Ourensano de Montevideo –un referente da Ourensanía en Uruguai- viviu hoxe un dos días máis emotivos ao longo dos mais de setenta anos de historia coa recepción e presentación aos seus asociados do premio Ourensanía 2018, entregado onte en Bos Aires, galardón co que esta entidade foi recoñecida xunto co Centro Partido do Carballiño polo seu labor a prol dos emigrantes ourensáns.
No acto celebrado hoxe na sede desta institución Manuel Baltar destacou "o compromiso coa historia e coa identidade da nosa emigración que ten demostrado o Centro Ourensano de Montevideo nos setenta e dous anos de existencia a prol da defensa dos intereses dos emigrantes ourensáns en Uruguai".
O acto de homenaxe a esta entidade -a máis antiga de Sudamérica en levar o nome de Ourense na súa denominación-, contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense; do presidente da entidade, Jesús Vázquez Martínez; e do alcalde de Celanova, José Luis Ferro, cuxa comarca, Terras de Celanova, é a que rexistra unha das maiores colectividades de emigrantes ourensáns en Uruguai, pertencendo á maioría dos seus asociados ao Centro Ourensano de Montevideo.
Manuel Baltar recibiu a medalla do Centro Ourensano, de mans do presidente da colectividade, Jesus Vázquez, e un disco da Coral de Ruada dedicado por Antón Alonso Ríos nos anos setenta, que lle entregou Toni Searez, o director do programa de radio en galego que máis anos leva en antena en todo o mundo, uns presentes "que pasarán a ocupar un sitio destacado no futuro Museo da Emigración da Deputación de Ourense", expresou o presidente provincial", mentres que o Centro Ourensano recibiu da Deputación a bandeira de Ourense e unha figura representativa das portas da Deputación Provincial, "sempre abertas para unha das institucións clave da nosa emigración: o Centro Ourensano de Montevideo", dixo Baltar.
O presidente do goberno provincial lembrou que no labor desenvolvido durante décadas por esta institución ourensá en Uruguai, "mantedora da nosa identidade, destaca o traballo que realiza coa mocidade dos descendentes da nosa provincia, inculcando os valores de lealdade, traballo, creatividade e espírito emprendedor que caracterizan á nosa xente", e concluíu destacando ao Centro Ourensano de Montevideo como "auténtico embaixador da Ourensanía desde o traballo e o corazón".
No acto, que contou coa presenza de representantes da colectividade galega en Uruguai e dos alcaldes de Celanova, Petín e O Carballiño; do escritor Luis González Tosar; e do secretario do xurado da Ourensanía, Antonio Piñeiro, o director da Real Banda de Gaitas, que actuou hoxe en Montevideo, Xosé Lois Foxo foi distinguido tamén pola traxectoria da formación musical e lembrando a súa anterior estadia en Uruguai hai vinte anos.
Pola súa banda, o presidente do Centro Ourensano agradeceu a distinción do premio Ourensania 2018, "un galardón de sentimento e orgullo de pertenza á nosa terra que recibimos con fondo agradecemento", destacando especialmente que despois de setenta anos "recibimos no noso centro a bandeira de Ourense por parte do presidente Baltar, algo que nos emociona e engrandece aos que nunca esquecemos as nosas raíces, porque a defensa da nosa identidade é algo fundamental e porque para quen non lembra o seu pasado, o presente e o futuro non ten valor".
A xornada institucional rematou coa visita á Casa de Galicia en Montevideo, onde a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofreceu un concerto a toda a colectividade ourensá na capital uruguaia.