Baltar avoga por unha solución á situación actual que atravesa o Centro Galego de Bos Aires

Compartir

  • Na súa visita, hoxe, ao emblemático edificio da institución fixo un chamamento aos gobernos de España e Arxentina para que poñan todo da súa parte na procura dunha solución, "porque é unha cuestión de vontade política e non da frialdade dos números, e estamos a falar dunha institución que representa moito na alma da nosa nación cultural".

  • Baltar defende "por solidariedade e en defensa da nosa emigración" a procura de solucións para o Centro Galego, e remarca o aprobado no pleno da Deputación de Ourense, cuxo obxectivo é contribuír a conservar unido o patrimonio inmobiliario, artístico e cultural que conforma o Centro Galego de Bos Aires.

Bos Aires, 13 de novembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, avogou hoxe en Bos Aires "por unha solución á situación actual que atravesa o Centro Galego". Na súa visita, hoxe, ao emblemático edificio da institución Baltar fixo un chamamento aos gobernos de España e Arxentina para que poñan todo da súa parte na procura dunha solución, "porque é unha cuestión de vontade política e non da frialdade dos números, e estamos a falar dunha institución que representa moito na alma da nosa nación cultural".

O presidente do goberno provincial expresou que en coherencia co aprobado pola Deputación de Ourense hai uns meses, no pleno de marzo pasado, no que todo os grupos da corporación provincial se adheriron ao manifesto en defensa do Centro Galego de Bos Aires, quixo visitar as instalacións do edificio para comprobar a situación amosando "a súa preocupación, porque non só o aspecto asistencial senón tamén a súa vertente cultural, con esa colección de arte, a biblioteca ou a habitación onde faleceu Castelao, que é patrimonio de Galicia, merece un respecto". "Son 111 anos de existencia dunha institución referente para os galegos en Bos Aires e por iso fago un chamamento a todos os gobernos, fundamentalmente ao goberno arxentino e ao español, para que poñan da súa parte todo o posible para salvar os obstáculos que dificultan a superviviencia deste centro, emblema da nosa diáspora".

Baltar defende "por solidariedade e en defensa da nosa emigración" a procura de solucións para o Centro Galego, e remarca o aprobado no pleno da Deputación de Ourense, cuxo obxectivo –como sinala o manifesto- é contribuír a conservar unido o patrimonio inmobiliario, artístico e cultural que conforma o Centro Galego de Bos Aires.

Na visita ao Centro Galego, Manuel Baltar estivo acompañado pola delegación ourensá desprazada a Bos Aires con motivo dos actos do premio Ourensanía; polo escritor Luís González Tosar; polos alcaldes de Petín, O Carballiño, Celanova e San Amaro, concelleiros e deputados provinciais, e por membros da colectividade ourensá e galega en Bos Aires, "unha unión na defensa do Centro Galego pola que fago un chamamento á responsabilidade de todos non permitamos que isto pase páxina senón que esa historia de gloria da nosa emigración siga a escribirse, pola honra deste centro referente dentro e fóra de Galicia", o que solicitou diante das estatuas de Castelao e Rosalía, na entrada do edificio, ante as que fixo unha ofrenda floral, "e que representan a máxima inspiración da nosa cultura", afirmou.

Manuel Baltar remarcou o manifesto aprobado por unanimidade polo pleno da Deputación de Ourense, que supón a defensa e a posta en valor dunha das institucións que máis fixo no mundo pola emigración galega, e pola historia, cultura e sentimentos dos ourensáns e dos galegos que a milleiros puxeron rumbo cara a Arxentina a finais do século XIX e durante a primeira metade do século XX en busca de novas oportunidades. Alí foron acollidos por familiares e amigos, pero sobre todo polo conxunto da colectividade galega, que pola súa numerosa poboación chegou a formar a coñecida como "quinta provincia".

A necesidade de ofrecer apoio e atención aos miles de emigrantes que chegaban desde Galicia, tanto no ámbito social como laboral e sanitario, forzou en 1907 a creación do Centro Galego de Bos Aires, que na década dos anos 40 do pasado século sumou a este labor a difusión da cultura e a historia de Galicia.

Para levar a cabo todas as súas actividades, os emigrantes galegos compraron por subscrición popular en 1917 o edificio que hoxe alberga o Centro Galego na capital Arxentina, cuxas instalacións acollen o maior patrimonio cultural, artístico e histórico da nosa emigración. Lastrado por unha gran débeda económica e intervido polo goberno arxentino, o Centro Galego de Bos Aires corre hoxe un grave risco de desaparición ante a súa posible venda, o que supoñería a perda dun símbolo identitario da Galicia universal.

Ante tal circunstancia, unha trintena de destacadas personalidades dos ámbitos social, cultural e académico redactaron en Rianxo, o pasado 29 de xaneiro, coincidindo co 132 aniversario do nacemento de Alfonso Rodríguez Castelao, un manifesto de apoio ao Centro Galego de Bos Aires e en defensa do legado que con moito esforzo e sacrificio deixáronnos varias xeracións de emigrantes. O acordo aprobado no pleno sinala que a Deputación de Ourense súmase a esta iniciativa, que xa reuniu preto de 5.000 firmas de apoio para pedir ás autoridades galegas e españolas que se impliquen na salvación do patrimonio inmobiliario, artístico e cultural deste centro.

O manifesto pola defensa e porvir do Centro Galego de Bos Aires recolle que esta entidade emblemática da diáspora galega no mundo, que tivo na súa centenaria vida institucional unha actuación consecuente de defensa e promoción social, cultural e económica da Galicia territorial e da emigración porteña, hoxe require da cidadanía galega unha posición firme de defensa ante o perigo da súa desaparición.

Visita ao colexio Santiago Apóstolo e ao Centro Galicia

Previamente á visita ao Centro Galego, o presidente da Deputación de Ourense visitou o "Centro Galicia", acompañado polo presidente desta institución, José María Vila Alén, e por membros da delegación ourensán de visita en Bos Aires, asinando, no Libro de Honra do centro; e tamén visitou o colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, centro educativo referente na formación e na promoción da cultura e da lingua galega na capital arxentina. Baltar, quen asinou no Libro de Honra, expresou na súa dedicatoria que esta nova visita ao colexio Santiago Apóstolo "é tamén un percorrido polo corazón e a alma de Galicia. Agradezo e recoñezo o extraordinario papel desta institución educativa, sen dúbida, o "colexio de Galicia". A nosa lingua, as nosas costumes e tradicións, a nosa rica personalidade e a nosa identidade están salvagardadas polo "Santiago Apóstolo", e serán legadas as novas xeracións de galegos cunha forza indescritible", engadindo que en Ourense "estaremos sempre ao carón deste colexio, non só con palabras senón con feitos, porque Ourense cumpre, e cumprindo co "Santiago Apóstolo" cumprimos con Galicia".

No seu percorrido polo centro, o presidente da Deputación de Ourense descubriu unha placa coa que foi nomeada unha aula do centro educativo, que a partires de agora levara o nome de "Eduardo Blanco Amor", "quen merece máis ca ninguén este recoñecemento –expresou Luis González Tosar-, pois viviu máis de corenta anos neste país, espallando Galicia e escribindo en Galego".