Manuel Baltar, distinguido como "Huésped de honor de la ciudad de Buenos Aires"
- O acto oficial de entrega do título tivo lugar no Palacio da Lexislatura, sede do poder lexislativo da cidade autónoma de Bos Aires, por parte do deputado Eduardo Santamarina.
- O representante do Corpo Lexislativo bonaerense dixo que esta distinción, "que entregamos ao presidente da Deputación de Ourense, abre unha liña de colaboración entre esta institución bonaerense e o goberno provincial ourensán".
- Manuel Baltar afirmou que este "é un recoñecemento para a "Ourense universal, a terra que construíu, dentro e fóra dela, como acontece en Bos Aires, un pasado, un presente e un futuro marcado pola pegada indeleble dos ourensáns, embaixadores do progreso, a cultura e a convivencia".
Bos Aires, 15 de novembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi distinguido onte como "Huésped de honor de la Ciudad Autónoma de Buenos Aires", un título que recibiu no Palacio da Lexislatura, sede do poder lexislativo da cidade autónoma de Bos Aires, de mans do deputado Eduardo Santamarina, descendente do filántropo e empresario ourensán Ramón Santamarina. O representante do Corpo Lexislativo bonaerense dixo que esta distinción, "que entregamos ao presidente da Deputación de Ourense, abre unha liña de cooperación entre esta institución bonaerense e o goberno provincial ourensán, que se concretará na firma dun convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións: a Lexislatura e a Deputación de Ourense, fortalecendo así a colaboración entre os dous territorios". No acto tamén participou o deputado na Lexislatura Emilio Raposo; e contou coa presenza de representantes do Goberno arxentino e da embaixada de España en Bos Aires, así como directivos de entidades galegas na emigración.
Manuel Baltar agradeceu a distinción afirmando que "é un recoñecemento para a Ourense universal, a terra que construíu, dentro e fóra dela, como acontece en Bos Aires, un pasado, un presente e un futuro marcado pola pegada indeleble dos ourensáns, embaixadores de progreso, cultura e convivencia", destacando que Bos Aires "é imprescindible para entender a historia da provincia de Ourense, pois a denominada "quinta provincia" de Galicia" soubo como poucos lugares do mundo mesturar culturas, proxectos de vida e espírito de emprendemento para que esa mestura de convivencia fose o berce dos máis importantes movementos culturais e de iniciativas empresariais, dos que os ourensáns nos sentimos orgullosos; porque Bos Aires, con bos aires, contribuíu a que a nosa emigración achase compresión no seu sacrificio e acougo para un dos máis potentes sentimentos que un ser humano pode ter: o amor e a lembranza pola súa terra nai".
Actitude integradora
"Sempre que os ourensáns imos a un lugar que non é a nosa terra natal facémolo cunha actitude integradora, de adaptación e mestizaxe, para participar con aqueles que nos acollen; por iso temos moito que agradecer aos emigrantes que no seu día decidiron vir a Arxentina porque, encarnando o mellor de Ourense, contribuíron a facer máis grande esta nación", dixo Baltar, quen citou no seu discurso ao primeiro presidente de Arxentina, Bernardino Ribadavia -fillo de pai ourensán-, desde a Constitución de Arxentina en estado soberano, e antes del os ourensáns e galegos integramos o glorioso tercio comandado por Cerviño, quen defendeu esta cidade das invasións inglesas", expresou en referencia á importancia histórica dos galegos en Arxentina.
Subliñou Baltar os valores dos galegos como "emigrantes traballadores e honestos", "e debemos empezar a cualificar tamén a nosa presenza aquí no terro da construción da patria arxentina". "Nunca fomos unha comunidade excluínte nin pechada -afirmou-, todo o contrario: as páxinas da historia arxentina están repletas de ourensáns e de galegos, algúns presentes nesta sala, que, desde posicións ideolóxicas diversas, teñen axudado a construír a gran nación de América do Sur".
Baltar rematou as súas palabras de agradecemento cos versos compostos por Vicente López y Planes, aos que puxo música Blas Parera, e que conforman o himno nacional arxentino: "Oíd, mortales, el grito sagrado, Libertad, Libertad,Libertad".
Ponte de achegamento
Pola súa banda, o deputado Emilio Raposo definiu a viaxe de Manuel Baltar a Arxentina como "unha ponte de achegamento para o intercambio social, político e económico, e sobre todo para afianzar a identidade que nos une os dous pobos; como diría Castelao: "Somos nós".
O outorgamento do distinción de "Huesped de honor" está reservado, segundo a lexislación da Cidade Autónoma de Bos Aires a visitantes estranxeiros que teñan destacado na cultura, as ciencias, a política ou o deporte, ou que haxan prestado relevante servizos, facéndose acredores ao recoñecemento xeral. Esta distinción concédese mediante decreto do Xefe do Goberno, consistindo a mesma nun diploma subscrito pola autoridade bonaerense.
Persoeiros dos ámbitos da política, como o presidente de Uruguai Tabaré Vázquez; da cultura e as artes, como os músicos Sting, José Carreras e Phil Collins; ou do ámbito académico, como o matemático e premio Nobel Robert Aumann, ou o historiador israelí e vicepresidente da Universidade de Tel Aviv, Raanan Rein, forman parte da nómina de distinguidos con este recoñecemento, ao igual que a exprimeira ministra de Finlandia, Mari Kiviniemi; a lingüista Teresa Meana; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; ou a expresidenta de Brasil, Dilma Rousseff.
O acto contou coa participación musical da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ao comezo e ao remate da celebración, e coa interpretación dos himnos galego e de Ourense, a cargo do gaiteiro Marco Foxo. O director da Real Banda, Xosé Lois Foxo, fixo entrega ás autoridades da Lexislatura da partitura de "Alborada en Buenos Aires", o tema dedicado á emigración ourensá en Arxentina, composto por Foxo con motivo desta viaxe.