A Deputación e a "Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina" colaborarán para potenciar o Museo Galego da Emigración, en Ourense

Compartir

  • Durante a súa estadía en Bos Aires, Manuel Baltar visitou as instalacións desta institución na capital bonaerense, coa que o goberno provincial xa ven colaborando na dixitalizacións do seu arquivo "unha das máis relevantes fontes da cultura e a historia da nosa emigración", afirma a o presidente.

Ourense, 18 de novembro de 2018.- A Deputación de Ourense e a "Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina" colaborarán para potenciar o Museo Galego da Emigración, en Ourense. Así o acordaron o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o presidente desta institución da colectividade emigrante galega, Diego A. Martínez Duro, na reunión que mantiveron con motivo da visita que Baltar realizou á sede desta entidade, situada no barrio de San Telmo. No encontro, no que tamén participou a secretaria da federación, Lorena Lores, o presidente da Deputación tivo a oportunidade de coñecer o importante legado da emigración galega que custodia a federación en Bos Aires, no Museo da Emigración Galega (MEGA) e a súa biblioteca, cos que a Deputación de Ourense vén colaborando na dixitalización do seu arquivo, "unha das máis relevantes fontes da cultura e a historia da nosa emigración", afirma a o presidente Baltar.

Neste sentido, ámbalas dúas entidades acordaron formalizar proximamente un convenio de colaboración para o que será o futuro Museo Galego da Emigración -espazo expositivo que se situará no Pazo de Vilamarín-, "unha iniciativa cultural, histórica e social que ten como obxectivo poñer en valor –explica Manuel Baltar- o espírito emprendedor dos nosos emigrantes e o seu traballo; preservar a súa memoria, e a súa singular capacidade como pioneiros que foron da internacionalización de Ourense e Galicia". A posta en marcha desta iniciativa –que será socia do MEGA- conta co apoio dos centros galegos no exterior, que aportarán os fondos necesarios para darlle contido ao museo. O museo, que será unha homenaxe á emigración galega, terá un enfoque especialmente interactivo e estará dirixido a público de todas as idades. O proxecto forma parte do Plan de Goberno "Ourense 15-19" da Deputación de Ourense, e responde a unha "obriga moral de Ourense e de Galicia", recoñecendo "o importante papel histórico e de sentimento dun fenómeno que axudou a construír a nosa identidade", destaca Baltar.

Manuel Baltar foi convidado a visitar a sede da "Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina", onde asinou no Libro de Honra, coincidindo coa denominada Noite dos Museos, unha iniciativa que cada ano achega gratuitamente a cultura aos cidadáns en Bos Aires, con máis de 280 museos e espazos culturais abertos e máis de mil actividades.

Baltar, quen xa se reunira con Diego Martínez e Lorena Lores o pasado mes de outubro no Pazo Provincial, na visita que realizaron a Ourense xunto ao presidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén, e ao secretario desta entidade, Cristian Moares, cualificou de "moi positivo o encontro, no marco dunha colaboración que xa existe e que se incrementará no futuro".