O Centro Partido do Carballiño de Bos Aires celebrou un centenario de servizo á emigración

Compartir

  • Manuel Baltar transmitiulle desde Ourense os parabéns ao presidente da entidade, Emilio Nogueira, nunha conversa na que o presidente da Deputación destacou "o compromiso da colectividade que integra o Centro Partido do Carballiño, tan firme como o primeiro día na defensa dos intereses dos nosos emigrantes en Arxentina".

  • O deputado provincial Pablo Pérez expresou no acto, celebrado na sede social do centro, na capital bonaerense, o agradecemento "porque sodes unha organización capital para Ourense e para Galicia, os mellores embaixadores da nosa terra, que facedes Ourense todos os días a máis de dez mil quilómetros".

Ourense, 19 de novembro de 2018.- Medio milleiro de persoas asistiron onte en Bos Aires ao acto de conmemoración do centenario do Centro Partido do Carballiño, unha institución senlleira da emigración ourensá en Arxentina á que a Deputación de Ourense recoñeceu este ano co premio Ourensanía. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar transmitiulle onte desde Ourense, na conversa telefónica que mantivo co presidente da entidade, Emilio Nogueira, os parabéns polo "compromiso da colectividade que integra o Centro Partido do Carballiño, tan firme como o primeiro día na defensa dos intereses dos nosos emigrantes en Arxentina".

En representación da Deputación de Ourense participou no acto, celebrado na sede social do centro, na capital bonaerense, o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen expresou o agradecemento "porque sodes unha organización capital para Ourense e para Galicia, os mellores embaixadores da nosa terra, que facedes Ourense todos os días a máis de dez mil quilómetros", estendendo o agradecemento a Emilio Nogueira e á súa xunta directiva, e tamén a todos os expresidentes e aos seus equipos de dirección nestes cen anos, como tamén aos socios pasados, actuais e futuros, "sinal inequívoca dos retos que ten por diante esta organización tan querida".

"A Deputación de Ourense é un gran aliado voso", dixo Pablo Pérez, subliñando que o goberno de Ourense estivo, está e estará sempre coas portas abertas para os nosos emigrantes, sen deixar de traballar para recoñecer o voso compromiso, o voso traballo e o voso amor a Ourense e a Galicia". Asemade, expresou que a Deputación de Ourense "actúa con coherencia no ámbito da emigración, razón do noso posicionamento na visita ao Centro Galego para que se solucione a súa lamentable situación actual". Neste sentido dixo que seguimos "demandando aos gobernos vontade política para arranxar esa problemática".

Pablo Pérez remarcou que a Deputación de Ourense "está sempre aberta ás vosas propostas, nunca dando as costas e si a man", lembrando a circunstancia extraordinaria que se deu estes días en Bos Aires como foi a visita de Manuel Baltar ás que foran as instalacións do Centro Ourensano. "Seguide facendo Ourense, falando galego, pensando en galego, honrando aos grandes da nosa cultura, sentindo orgullo de seu de pertenza a unha terra- Ourense- que sabe a quen ten neste Centro Partido do Carballiño: a unha selección das mellores persoas para facer país", rematou Pablo Pérez.

O acto, que se iniciou cun minuto de silencio para lembrar á tripulación do submarino Ara San Juan, contou coa presenza do embaixador de España, Javier Sandomingo; o intendente municipal da localidade de Vicente López, Jorge Macri; o cónsul xeral, Javier Gil; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o delegado da Xunta de Galicia en Arxentina, Alejandro López Dobarro; e os alcaldes do Carballiño, Francisco Fumega; de Cea, José Luis Valladares; de San Amaro, Ernesto Pérez; e directivos de entidades da emigración en Bos Aires. O presidente do Centro Partido do Carballiño, Emilio Nogueira, agradeceu a partición e o apoio "nesta festa que conmemora unha traxectoria de cen anos de traballo mancomunado a prol da nosa emigración; cen anos de vida ininterrompida difundindo a cultura e as tradicións de Galicia na Arxentina".

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, salientou "o espírito dos emigrantes que chegaron a Arxentina nas primeiras décadas do século pasado, integrándose nun país que os acolleu, onde souberon honrar as dúas culturas: a das súas orixes e a de adopción".