A plataforma de turismo intelixente "Ourense a tu alcance" suporá un investimento de 3 millóns de euros
- A comisión de Termalismo abordará o convenio entre a Deputación e Red.es para o desenvolvemento deste proxecto.
Ourense, 21 de novembro de 2018.- A comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente, que celebrará mañá xoves, 22 de novembro a súa xuntanza, xunto ás comisións de Cultura e Igualdade, abordará o convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e a entidade pública empresarial Red.es, para o desenvolvemento do proxecto presentado pola Deputación "Ourense a tu alcance" e que foi seleccionado como beneficiario da axuda que concede Red.es para o desenvolvemento do Plan nacional de territorios intelixentes da axenda dixital para España.
O Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Red.es ten como obxectivo a colaboración coas entidades locais para a transformación dos territorios consonte ao modelo de destino turístico intelixente e, nesta convocatoria, foi seleccionado o proxecto presentado pola Deputación de Ourense, "Ourense a tu alcance", que é unha plataforma integrada de turismo intelixente dos recursos turísticos da provincia, que ofrece servizos personalizados como "Siente Ourense" e experiencias inmersivas como "Ourense te guía". O importe total para o desenvolvemento destas actuacións ascende a preto de tres millóns de euros (2.989.022 euros), dos cales Red.es financiará o 60% do orzamento total, e a Deputación de Ourense asumirá o 40% do custe das actuacións.
Outro dos asuntos a tratar na xuntanza será o Programa de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos de Nogueira de Ramuín e O Pereiro de Aguiar para a prestación de asistencia técnica para a xestión da estación de tratamento de auga potable de Melias, incluíndo o bombeo en escala e aos seus correspondentes depósitos situados en Agra de Arriba – Lamagrande e San Miguel – Faramontaos. E, por outra parte, abordará a modificación do convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e o Concello da Veiga para o financiamento, execución e entrega, para o seu mantemento e conservación, das obras do proxecto de acondicionamento, protección e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños. A modificación consiste en axustar o financiamento ao ritmo de execución das actuacións.
Na xornada de mañá tamén se celebrarán as comisións informativas de Cultura e Igualdade. Na comisión informativa de Cultura, Deportes e Mocidade darase conta do acordo da Xunta de Goberno relativo á fixación de prezos públicos polo acceso ás proxeccións do Festival de Cine de Ourense – OUFF 2018, que estableceu en 4 euros a entrada para a Sección oficial ou competitiva, e en 3 euros a entrada para o resto de proxeccións.
Na comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente tratarase o Programa de cooperación coas entidades locais en materia de servizos sociais "BenOurense persoal técnico 2019", a través do cal a Deputación de Ourense presta asistencia técnica, económica e xurídica aos concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes para a execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos. Neste convenio tamén están incluídas as mancomunidades intermunicipais que xestionen estes servizos dun conxunto de municipios de menos de 20.000 habitantes.
O convenio recolle dúas accións: a primeira delas refírese á asistencia económica para garantir o financiamento destes concellos para a contratación de persoal con perfís profesionais diferentes e complementarios ao de traballador social, e a segunda acción está dirixida á asistencia técnica e xurídica a través do persoal da área de Benestar da Deputación.
Facenda e Cooperación
Na xornada de hoxe celebraranse as comisións informativas de Transparencia, Facenda e Cooperación. A comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía abordará a fixación dos prezos públicos de "Pazolandia" que establece o custe das entradas ao parque de atraccións para nenos en 4 euros para o público en xeral e en 3 euros para as persoas que accedan en viaxes promovidos polos concellos da provincia.
Pola súa parte, a comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordará a expropiación forzosa para a execución da obra de acondicionamento e mellora da OU-0703 Trives-Chandrexa, na Pobra de Trives.