Pleno xuvenil de Amencer no Pazo Provincial
Ourense, 24 de novembro de 2018.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, recibiu hoxe no Salón de Plenos do Pazo Provincial, a corenta persoas de trece anos da Asociación Xuvenil Amencer que foron protagonistas dun Pleno xuvenil no que debateron sobre diversos temas para a cidade de Ourense. Rosendo Fernández, quen lles explicou o funcionamento do plenario provincial, deulles a benvida a casa do "Concello dos Concellos", "onde cada último venres de mes nos reunimos tódolos membros da corporación provincial para debater e aprobar temas que sexan de interese e de importancia para a nosa provincia".
Así mesmo, o vicepresidente do goberno provincial salientou que, nesta ocasión, o pleno infantil aínda ten un "matiz máis especial" dado que se desenvolverá coa presenza dos restos mortais de Rodolfo Prada Chamochín e a súa dona, que a Deputación de Ourense retornou da Arxentina a Ourense, "cumprindo así a petición da súa neta, María Elena Prada, no acto de homenaxe que organizou a Deputación de Ourense o pasado día 5 de novembro nos Peares, en honor a Chamochín. E 17 días despois, o goberno provincial conseguiu retornar os seus restos a súa provincia, dado que se compren os dous requisitos que o intelectual esixiu para ao seu retorno: que houbera democracia e que Galicia tivera goberno de seu".