O proxecto "Provincia Intelixente" da Deputación de Ourense, premiado na XXII edición dos Premios "Ciudadanos"

Compartir

  • Jorge Pumar recolleu hoxe en Madrid o galardón que concedeu a Asociación Ciudadanos á institución provincial por esta iniciativa coa que pretende converterse no "Concellos dos Concellos", cunha xestión da información dos concellos desde un punto de vista único con tres obxectivos: cooperación, optimización de recursos e redución de custes.

Madrid, 27 de novembro de 2018.- O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, recolleu hoxe no Salón de actos da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e Axenda Dixital, en Madrid, o galardón "Ciudadanos", en nome da institución, que concedeu a Asociación Ciudadanos nesta XXII edición á Deputación de Ourense, na categoría "Cidades e Territorios Intelixentes", polo seu proxecto "Provincia Intelixente" co que a institución provincial –segundo a asociación- pretende converterse no "Concello dos Concellos", cunha xestión da información dos municipios desde un punto de vista único con tres obxectivos: cooperación, optimización de recursos e redución de custes, dialogando e xerando interfaces válidas e dinámicas entre o público e o privado e un equilibro entre a política e a tecnoloxía.

Jorge Pumar, quen agradeceu á Asociación Ciudadanos o galardón, explicou aos asistentes que o proxecto premiado é un dos pilares do Plan de Mandato "Ourense 15-19", e desenvólvese en tres liñas principais: a administración electrónica provincial, a intelixencia de información provincial e a toma de decisións intelixentes". Asemade, o vicepresidente segundo do goberno provincial salientou que o proxecto "Provincia Intelixente" "favorece a creación dun ecosistema inversor de grandes compañías tractoras e de pequenos inversores que desenvolvan produtos entorno ao concepto Smart".

A vocación deste proxecto é "ofrecer servizos de calidade baseados na tecnoloxía, que melloren o día a día dos cidadáns e que permitan a prestación de servizos públicos dunha forma máis eficaz, eficiente, transparente e próxima ao cidadán", explicou Pumar, quen explicou os obxectivos do proxecto: mellorar o modelo de gobernanza dos municipios, permitir e impulsar gobernos abertos e transparentes, mellorar a calidade dos servizos prestados e do medio ambiente, reducir os gastos públicos a través dunha mellor coordinación, apoiar e mellorar a toma de decisións e fomentar a innovación e o emprendemento.

Así mesmo, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense lembrou que para o cumprimento do plan, a institución provincial facilita aos concellos unha serie de servizos como portais web, desenvolvemento de páxinas de Transparencia, sistemas de e-administración, Xeoportal EIEL, integración de servizos de telefonía, entre outros.

Por outra banda, Jorge Pumar destacou na súa intervención as iniciativas que a Deputación de Ourense está a desenvolver en materia de turismo asociado ás novas tecnoloxías e citou como exemplo o proxecto "Hai un Ourense para ti. Descúbreo", para o que recentemente se aprobou, na convocatoria nacional de axudas a Destinos Turísticos Intelexintes da Red.es, unha achega de 3 millóns de euros co obxectivo, como dixo o presidente da Deputación de Ourense, de "converter a Ourense nun referente turístico, aproveitando o potencial dos recursos da nosa provincia e as tecnoloxías de vangarda".

A Deputación de Ourense compartiu galardón con outras entidades do ámbito privado como, por exemplo, Samsung, premiada polo proxecto Samsung Smart School; Novartis, pola estratexia de Comunicación en Saúde coa cidadanía; Janssen, polo seu compromiso nas melloras no acceso aos medicamentos e a Universidade Europea de Madrid, así como outras institucións públicas como as deputacións de Palencia, Huelva e Cádiz, entre outras entidades públicas.