Manuel Baltar destaca a "oportunidade diferencial" que ofrece o termalismo para a economía ourensá
- O presidente da deputación participou na Casa de Galicia en Madrid nun encontro empresarial organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, no que remarcou que Ourense, como porta de entrada da alta velocidade ferroviaria a Galicia, "vivirá a revolución emprendedora, social e económica máis importante do século XXI".
- "O equilibrio territorial que sempre demandamos para a nosa provincia dará un gran paso adiante e temos que estar preparados para ofrecer ao visitante a riqueza que nos fai competitivos: o turismo termal, cultural, deportivo e de natureza, elementos fundamentais para posicionarnos nacional e internacionalmente", afirmou Baltar.
Madrid, 28 de novembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe en Madrid, nun encontro empresarial celebrado na Casa de Galicia, a "oportunidade diferencial" que ofrece o termalismo para a economía ourensá, remarcando que Ourense, como porta de entrada da alta velocidade ferroviaria a Galicia, "vivirá a revolución emprendedora, social e económica máis importante do século XXI"-
No acto, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), o presidente do goberno provincial ofreceu un relatorio sobre "Ourense, a provincia termal", e estivo presentado polo presidente de Aegama, Julio Lage, e moderado polo director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, contando coa presenza de empresarios galegos en Madrid. "O equilibrio territorial que sempre demandamos para a nosa provincia –expresou Baltar- dará un gran paso adiante co AVE, e temos que estar preparados para ofrecer ao visitante a riqueza que nos fai competitivos: o turismo termal, cultural, deportivo e de natureza, elementos fundamentais para posicionarnos nacional e internacionalmente".
Xunto a importancia de sectores de grande competitividade para a provincia de Ourense, como o agroalimentario, o da lousa, o tecnolóxico ou o téxtil, Manuel Baltar defendeu "a importancia da transversalidade da innovación", "aplicando en cada nova iniciativa que levamos a cabo desde a xestión pública ou en cooperación co sector privado, un grao de innovación que nos coloca á vangarda, como xa o vimos demostrando en proxectos como o de "Provincia Intelixente" ou o Plan Termal, referentes nos seus ámbitos de tecnoloxía aplicada aos servicios públicos e na evolución dos servizos, infraestruturas e promoción do termalismo na provincia de Ourense".
"O que nos diferencia nos une aos demais; Ourense atrae porque ofrece experiencias singulares cun ecosistema natural, patrimonial e etnográfico que poucos territorios posúen, e iso supón unha vantaxe competitiva que se incrementará exponencialmente coa chegada da alta velocidade", dixo Baltar.
Diante do foro de empresarios galegos na capital de España, o presidente da Deputación apelou ao "incansable talante emprendedor dos galegos", e puxo como exemplo á colectividade na emigración de Arxentina e Uruguai, que visitou días pasados xunto cunha delegación ourensá para entregar o Premio "Ourensanía" 2018 ao Centro Partido do Carballiño, en Bos Aires, e ao Centro Ourensano de Montevideo. "Igual ca eles, dentro e fóra de España, os ourensáns e os galegos deixamos sempre ese distintivo de conciliación, esforzo e traballo que nos identifica", dixo, "algo do que en Ourense temos exemplares experiencias en importantes ámbitos de actividade económica".
Manuel Baltar agradeceu a invitación de Aegama "por sintonizar perfectamente coa realidade ourensá e permitirme hoxe trasladar neste foro a ilusión e o compromiso de cooperación que sempre ten o goberno provincial", destacando as oportunidades e os retos que Ourense "ten diante de si en sectores como termalismo, servizos sociais, turismo, agroalimentación, tecnoloxía, e Economía Laranxa", lembrando tamén o "Turismo deportivo" como "unha das grandes realidade competitivas da nosa provincia, co centro de adestramento de remo e piragüismo, ao chegan seleccións internacionais para facer os seus períodos de adestramento para mundiais e olimpíadas, ou a firme aposta da Deputación de Ourense, da man da Xunta, pola estación de montaña de Manzaneda, para poñer en marcha o proxecto dos canóns de neve e modernizar esta infraestrutura de deporte e natureza, singular no noroeste da Península Ibérica".
Asemade, neste ámbito do turismo deportivo, Baltar lembrou o cumio celebrado onte no balneario de Laias, que reuniu a expertos nacionais en innovación e tendencias, destinos, patrocinadores e eventos, unha das propostas que presentou Manuel Baltar no pasado pleno de debate sobre o estado da provincia, para afondar na estratexia de creación dun ecosistema de turismo deportivo, que impulsa a Deputación de Ourense.