Xavier Bermúdez recibe a Calpurnia de Honra na gala de inauguración do Festival de Ourense

Compartir

  • Manuel Baltar entregoulle o galardón ao cineasta ourensán na gala de apertura do OUFF 2018, na que tamén foi protagonista o músico Kepa Junkera co documental sobre o entroido "Mar de terra".

Ourense, 29 de novembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entregou ao cineasta ourensán Xavier Bermúdez o premio Calpurina de Honra na gala de inauguración da 23ª edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF), que tivo lugar hoxe no Auditorio Municipal de Ourense, un galardón que recoñece a traxectoria artística dun cineasta e produtor que ten rodado algunhas das longametraxes de ficción máis premiadas do audiovisual galego, entre elas "León y Olvido" (2004). A gala deu comezo con "Mar de terra", o documental sobre o entroido, protagonizado por Kepa Junkera.

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense foi encargada de abrir a gala, conducida pola actriz ourensá Ledicia Sola, acto no que o coordinador artístico do festival, Miguel Anxo Fernández, agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense o seu empeño en sacar adiante esta edición do OUFF. "Pretendemos que a sociedade ourensá recupere a estima no seu festival. Grazas, Manuel Baltar, por confiar en min, por confiar en nós", dixo Miguel Anxo Fernández.

Trala entrega do premio a Xavier Bermúdez, Kepa Junkera presentou "Mar de Terra" xunto ao director do documental, José Antonio Blanco, e ao productor, Javier Torquati, e como remate, o propio Kepa Junkera e os seus músicos interpretaron a canción composta en exclusiva para este documental.