Baltar destaca na gala do XXXVII premio "Blanco Amor" de novela que este insigne autor "foi quen mellor expresou o ser de Ourense"
- O presidente da Deputación de Ourense entregou hoxe no Liceo o galardón ao escritor Manuel Portas pola súa novela Por puntos, quen dixo sentirse "fondamente agradecido por recibir o premio decano da nosa literatura, o recoñecemento máis importante que pode recibir un escritor da nosa lingua".
- Portas puxo como exemplo á Deputación de Ourense pola súa determinación "de pór en valor ás nosas letras, porque teñen denominación de orixe gravada no corazón", e fixo un chamamento ás demais administracións "para que cunda o exemplo da Deputación de Ourense".
- Baltar expresou que este prestixioso galardón, o premio de novela de máis longa traxectoria nas Letras Galegas, "brilla con esplendor renovado grazas á capacidade do xurado e á calidade da obra de Manuel Portas".
- O presidente da Deputación de Ourense anunciou no decurso do acto que a programación do Festival de Cine de Ourense de 2019 "terá un espazo de relevo para o corenta cabodano de quen, tamén, foi un dos nosos grandes cinéfilos: Eduardo Blanco Amor".
Ourense, 1 de decembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entregou esta noite no Liceo o XXXVII premio "Blanco Amor" de novela longa ao escritor Manuel Portas (Barcelona, 1960), quen acadou nesta edición o recoñecemento do xurado pola súa obra Por puntos. Ao certame, que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación "Eduardo Blanco Amor", dotado con 15.000 € e escultura de Acisclo Manzano, presentáronse un total de 24 orixinais, sendo a obra elixida polo xurado a presentada baixo o lema "Melquíades Sancristovo", cuxo título é Por puntos.
Manuel Baltar dixo no seu discurso referíndose a Blanco Amor: "A imaxe, o maxisterio e sobre todo a grandeza e a excelencia da súa obra, foi o que nos levou a comprometernos a fondo co escritor que mellor expresou o ser de Ourense. Por iso, porque foi grande e porque a vida sorriulle pouco; porque a intolerancia e a incomprensión foron os estigmas do seu vivir, desde que cheguei ao goberno provincial de Ourense impulsei a fundación que leva o seu nome. Era unha necesidade, non só para custodiar o seu arquivo -con xoias como os orixinais dos Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca-; o seu legado fotográfico ou a súa biblioteca, senón tamén para completar as investigacións que un autor da súa categoría merece".
No acto, que contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e representantes institucionais, sociais e culturais, Baltar salientou: "Sempre estaremos con Blanco Amor, porque é unha das nosas obrigas, e porque sen Blanco Amor esta Atenas de Galicia que el e outros elevaron ao maior nivel literario, artístico e creativo, carecería da súa dimensión fundamental: ser ourensás dentro e fóra, con orgullo e satisfacción".
O presidente da Deputación felicitou a Manuel Portas, "gañador do premio de novela de máis longa traxectoria nas Letras Galegas, un certame que a Deputación de Ourense acolleu en 2015, cando perigaba a súa continuidade, e que hoxe brilla con esplendor renovado grazas á capacidade do xurado e á calidade da obra de Manuel Portas".
Baltar rematou subliñando que na promoción cultural da ourensanía "non caben dúas ou tres velocidades, nin categorías superiores e inferiores, porque a defensa da lingua e da cultura propias constitúe para nós un conxunto identitario, por sermos parte activa desta nación cultural". E neste sentido, anunciou que a programación do Festival de Cine de Ourense de 2019 "terá un espazo de relevo para o corenta cabodano de quen, tamén, foi un dos nosos grandes cinéfilos: Eduardo Blanco Amor". "Nós, o goberno de Ourense, estivemos presentes desde o primeiro momento, e van alá vinte e cinco anos, cando o instituto de Ensino Secundario que leva o nome do escritor, por iniciativa da profesora Enríquez Salido e do profesor Leyes, comezou a homenaxealo cada Primeiro de decembro. Despois sería o Centro PEN Galicia, presidido polo poeta Luís González Tosar, quen se incorporaría a esta data, dándolle unha maior dimensión e pervivencia".
Pola súa banda, Manuel Portas dixo sentirse "fondamente agradecido por recibir o premio decano da nosa literatura, o recoñecemento máis importante que pode recibir un escritor da nosa lingua", gratitude que especialmente dirixiu á Deputación de Ourense á quen puxo como exemplo pola súa determinación "de pór en valor ás nosas letras, as expresadas no noso idioma, porque teñen denominación de orixe gravada no corazón", facendo un chamamento ás demais administracións "para que cunda o exemplo da Deputación de Ourense". E rematou expresando que a experiencia de Eduardo Blanco Amor "nos sirva a todos de recordatorio".
O xurado do premio destacou na súa acta a "calidade narrativa" da novela Por puntos, "que recrea unha galería de personaxes interactuando nun contexto actual e urbano", remarcando que este "retablo de tipos humanos mantén ata o final unha tensión argumental, que é a que sustenta unha trama áxil e diversa". Sobre Manuel Portas, o xurado subliña que se trata "dun autor plenamente asentado e celebrado na nosa literatura", e que a variedade de rexistros lingüísticos que presenta na obra premiada "singulariza ás persoas que interveñen no relato e achega forza expresiva e autenticidade á novela".
En 2014, cando se cumpriron trinta e cinco anos do pasamento de Blanco Amor, a Deputación de Ourense asumiu o compromiso de exaltar a figura deste autor, entre outras accións, coa organización deste premio literario e a creación dunha fundación co nome do escritor, para a difusión e valorización da súa obra.