Reunión de Manuel Baltar co conselleiro de Medio Rural
Ourense, 3 de decembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial co conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, o ourensán José González, con quen analizou temas referidos ao sector primario e aos ámbitos agroalimentario, forestal e agrogandeiro da provincia de Ourense. Entre os asuntos que trataron estivo sobre a mesa o "Observatorio do Rural", unha iniciativa do presidente Baltar que ten como obxectivo analizar mercados, competitividade, perspectiva de emprego e proxectos de innovación para o agro ourensán.
Baltar tamén informou ao titular de Medio Rural das propostas que presentou a título persoal no pasado pleno de debate sobre o estado da provincia, referidas ao ámbito rural, como a negociación e estudio entre administracións públicas e entidades privadas para situar nun concello da provincia de Ourense o Centro Tecnolóxico Forestal para a explotación racional do monte e a súa dinamización; ou a elaboración dun plan estratéxico da Denominación de Orixe Ribeiro, para incrementar o seu atractivo cara á crear emprego e novas empresas, co obxectivo de seguir formando parte das preferencias dos consumidores, axudando tamén na estratexia turística.
Manuel Baltar tamén comentou a importancia que suporá para a promoción do sector agroalimentario que a Deputación de Ourense conte no Museo do Viño de Ribadavia, como consecuencia do acordo acadado coa Xunta de Galicia, cun espazo no que terán especial protagonismo os produtos que contan cun selo de calidade, sexa denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida.
Na reunión abordáronse ademais outras iniciativas aprobadas no pleno do debate sobre o estado da provincia como a incorporación de informes sobre sectores estratéxicos da provincia ao Observatorio Económico Ourensán -como o do viño, a castaña, a pataca e os produtos con denominacións de orixe, selo de calidade ou indicación xeográfica protexida-, e se avanzou nos termos do convenio que asinarán Deputación de Ourense a Consellería de Medio Rural para poñer a disposición a maquinaria da Deputación para complementar a limpeza de franxas de seguridade nos concellos, no ámbito da prevención de incendios forestais.