A Deputación de Ourense aposta por impulsar o emprendemento xuvenil co proxecto "EmprendOU-reto demográfico"

Compartir

Ourense, 28 de decembro de 2018.- A Deputación de Ourense apostará por impulsar iniciativas de emprego xuvenil nos municipios de menor poboación a través do proxecto "EmprendOU-reto demográfico", segundo determinou a Xunta de Goberno, reunida esta mañá na última sesión do presente ano, informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama. Este proxecto ten como punto de partida o Real Decreto 1234/2018, de 5 de outubro, que abría unha liña de axudas cun orzamento total de 80 millóns de euros, dirixida aos municipios de menos de 10.000 habitantes para impulsar o autoemprego e emprendemento, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo.

O proxecto que presentará a Deputación de Ourense responde aos criterios da denominada "perspectiva de reto demográfico", que a partir de agora tamén estarán presentes na repartición económica de todos os programas e proxectos que desenvolva o grupo provincial de Goberno.

Segundo esta liña de traballo, os municipios incluídos no proxecto EmprendOU serán aqueles que non formen parte dunha gran área urbana e que cumpran cunha das dúas características seguintes: ter unha poboación inferior ou igual a 5.000 habitantes ou unha poboación entre 5.001 e 10.000 habitantes, sempre que perderan poboación na última década. Na provincia hai 82 concellos que cumpren estes requisitos, é dicir, case que o 90 % do territorio ourensán; preto do 90 % dos concellos; e case que o 41 % da poboación da provincia, máis de 127.000 persoas.

O obxectivo é mellorar neses 82 concellos os índices de autoemprego e emprendemento entre os mozos de 16 a 30 anos, ofrecéndolles unha axuda económica coa finalidade de darlles apoio durante a fase inicial dos seus proxectos. Os datos recollidos nos últimos anos reflicten unha media de 251 iniciativas empresariais creadas por mozos de entre 16 e 30 anos nos concellos incluídos nos criterios de reto demográfico. Agora, a Deputación de Ourense prevé incrementar esta cifra nun 50 % e conseguir que un 40 % do total de iniciativas obteñan axuda financeira a través deste programa, proxectos dos que outro 40 % se espera que sexa impulsados por mulleres.

A Deputación optará no marco do Real Decreto a unha axuda do 91,98 % do custe total do proxecto, que se estima supere os dous millóns de euros e permita atender a 250 proxectos de emprego e emprendemento.

Centro de Innovación

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe unha subvención de 200.000 euros á favor da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) para a posta en funcionamento do Centro de Innovación Empresarial de Ourense. Compre lembrar que este Centro de Innovación Empresarial é froito dunha alianza estratéxica entre a Deputación e Abanca, que permitirá avanzar no programa "Provincia Intelixente". Grazas a esta colaboración, no antigo edificio de Caixa Ourense, situado na Finca Sevilla e cunha superficie de máis de 8.000 metros cadrados, desenvolveranse aplicacións e iniciativas relacionadas coa tecnoloxía e os servizos municipais. A primeira das empresas que se instalarán no recinto será Viewnext, filial da compañía IBM, con máis de 200 empregados.

Eficiencia enerxética

Outro dos asuntos tratados foi a aprobación dunha subvención de 40.000 euros ao Concello de Porqueira para a substitución da iluminación pública, no ámbito dos proxectos de eficiencia enerxética que están a desenvolver os concellos. Por outra banda compre sinalar que se aprobou a fixación de prezos públicos para seis publicacións que editará a Deputación e que van desde os 9 aos 20 euros.

Ademais, na convocatoria de hoxe estimouse un recurso de reposición da Fundación Sotelo Blanco, que presentou un novo orzamento para a posta en funcionamento do Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra, logo de detectar un erro no plan económico inicial. Tamén se desestimou un requirimento de anulación contra un acordo da Xunta de Goberno de 21 de setembro interposto polo alcalde do Barco, Alfredo García Rodríguez, no que se resolvía o concurso público para a concesión de subvencións a concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico-deportivas 2018. A Xunta de Goberno confirmou que no Rexistro Xeral non constaba ningunha solicitude presentada polo Concello do Barco para obter a citada subvención, por ningún dos medios habilitados.