Baltar afirma que a declaración de BIC da Ribeira Sacra "achega a este territorio a conseguir o maior recoñecemento mundial para a provincia de Ourense"
- No acto a prol da Ribeira Sacra, celebrado hoxe en Pantón, o presidente da Deputación de Ourense dixo que acadar a distinción como Patrimonio Mundial da Unesco "será un galardón para a historia de Ourense, de Lugo e de Galicia, e para as súas xentes, que construíron unha sociedade de concordia e convivencia preservando o noso medio natural e converténdoo en orgullo de pertenza ao noso".
- Baltar -quen reactivou en 2013 a candidatura para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial-, afirmou que é de "xustiza histórica" que academos este recoñecemento internacional "para un dos territorios naturais máis singulares e co patrimonio histórico-artístico máis importante de Europa".
Ourense, 28 de decembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe en Pantón (Lugo), no acto a prol da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, que a declaración de BIC da Ribeira Sacra "achega a este territorio a conseguir o maior logro de recoñecemento mundial para a provincia de Ourense", unha distinción, dixo, "que será un galardón para a historia de Ourense, de Lugo e de Galicia, e para as súas xentes, que construíron unha sociedade de concordia e convivencia preservando o noso medio natural e converténdoo en orgullo de pertenza ao noso".
Manuel Baltar -quen reactivou en 2013 a candidatura para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial-, afirmou que é de "xustiza histórica" que academos este recoñecemento internacional "para un dos territorios naturais máis singulares e co patrimonio histórico-artístico máis importante de Europa". O presidente do goberno provincial iniciou en 2013 os contactos a nivel local, interprovincial, autonómico e co Goberno do Estado para impulsar este proxecto, que ao longo destes anos desenvolveu os seus capítulos nos ámbitos institucionais, científicos, culturais, turísticos e patrimoniais, "unha distinción que lle dará ao territorio da Ribeira Sacra o gran pulo turístico, económico e social que merece pola importantísima riqueza histórica desta contorna das provincias de Ourense e Lugo".
Manuel Baltar expresou que estamos "no paso máis importante deste ilusionante proceso para acadar o recoñecemento. Todos sabemos que a Ribeira Sacra é patrimonio mundial pero é necesario ter o documento correspondente, a distinción que outorga a Unesco, e nese labor estamos, traballando conxuntamente para seguir rendendo homenaxe, hoxe e sempre, a este histórico territorio chamado Ribeira Sacra".
No acto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a importancia da aprobación, onte, do decreto polo que se declara BIC a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, paso previo para que poida optar a Patrimonio Mundial da Unesco. Feijóo afirmou que queda así acreditado o seu carácter sobranceiro e garantido o máximo nivel de protección para este ben, cuxa extensión acada arredor de 180 quilómetros cadrados.
Durante o proceso de tramitación do BIC, ademais dos informes da Real Academia de Belas Artes e do Consello da Cultura Galega, recibíronse 29 alegacións, das cales 23 foron estimadas total ou parcialmente. O decreto establece que a paisaxe cultural da Ribeira Sacra abrangue parte do territorio de 22 concellos das provincias de Ourense e Lugo en dúas zonas diferenciadas: a do BIC e a de amortecemento.
Tamén inclúe unha serie de bens individuais: os que gozan xa da máxima protección -70 Bens de Interese Cultural entre inmobles (58), mobles (3) e manifestacións do patrimonio inmaterial (9)-; 512 bens inmobles catalogados no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, é dicir, que se sitúan dentro da zona BIC e de amortecemento do ben que se declara polo presente decreto. Tamén se acreditan 634 bens inmobles de carácter sacro, catalogados no conxunto do territorio da Ribeira Sacra -capelas, igrexas e ermidas-, existentes nos 22 concellos representados.
Así mesmo, o decreto establece un réxime de protección xeral dos bens integrantes da paisaxe cultural, que responde ao réxime legal xa existente e regula a zona de amortecemento. E outro específico para a paisaxe cultural, que requirirá autorización para actuacións maiores como novas construcións, infraestruturas e instalacións, a reconstrución de inmobles derruídos, a modificación da estrutura tradicional en grandes superficies de terreo ou a construción de miradoiros e embarcadoiros novos.
O decreto contén tamén a descrición dos valores xerais da paisaxe cultural. Así, analízanse cuestións como o valor da Ribeira Sacra como paisaxe cultural evolutiva; as características físicas do espazo natural; a ocupación histórica do territorio; a toponimia; a parroquia como unidade de estrutura do territorio; e aspectos concretos como os socalcos, as cavadas, a casa tradicional, as adegas e o patrimonio fluvial.
Núñez Feijóo avanzou a posta en marcha en 2019 do Plan Ribeira Sacra que permitirá coordinar e xestionar de xeito global os investimentos das distintas administracións nesta área. Coa declaración como Ben de Interese Cultural, a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial sobe un novo chanzo no obxectivo de poñer en valor este enclave, caracterizado polo seu excepcional Románico, polo seu patrimonio antropolóxico, pola súa impresionante xeografía física ou polas antigas e ousadas mostras de enxeñaría asociadas ao cultivo das vides.
No acto, ademais de Manuel Baltar e Alberto Núñez Feijoo participaron a directora xeral de Patrimonio da Xunta, María del Carmen Martínez Insua; o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez; o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián; a escritora Dolores Redondo, e o deputado de Turismo e Cultura da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal. A gaiteira Susana Seivane foi a encargada de pechar a celebración interpretando dúas pezas musicais galegas.