Manuel Baltar garante "máxima colaboración" coa asociación de empresarios do polígono, na nova etapa da Presidencia de Rodríguez Araújo
- No encontro do presidente da Deputación co novo presidente da asociación, Rodríguez Araújo sumouse á iniciativa que Baltar presentou onte a empresarios e entidades empresariais, relativa ao futuro centro de referencia en Galicia para FP, un proxecto que a Deputación propón á Xunta para que sexa unha realidade na provincia de Ourense.
Ourense, 16 de xaneiro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao novo presidente da asociación de empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas, José Antonio Rodríguez Araújo, quen vén de asumíu o cargo. No encontro, o novo titular da asociación do polígono estivo acompañado polo seu predecesor, Elías Mera.
Manuel Baltar desexoulle todos os éxitos nesta etapa que comeza á fronte da entidade empresarial e garantiulle "máxima colaboración", a que a Deputación de Ourense mantivo co anterior equipo directivo, afirmando que "coincidiremos en todo aquilo que sexa beneficioso para a asociación de empresarios do polígono de San Cibrao e para a provincia de Ourense", expresou Baltar. O presidente do goberno provincial destacou "o papel de protectorado" que a Deputación de Ourense "vén exercendo coa asociación, por medio do servizo de emerxencias e incendios, financiado integramente pola deputación", e tamén lembrou a cooperación institucional que mantén no ámbito de prospección económica, con iniciativas como o estudo "O Polígono en cifras".
No mesmo encontro, o presidente da asociación de empresarios do polígono sumouse á iniciativa que Manuel Baltar presentou onte a empresarios e entidades empresariais, relativa ao futuro centro de referencia en Galicia para Formación Profesional (FP), un proxecto que a Deputación de Ourense propón á Xunta de Galicia para que sexa unha realidade na provincia de Ourense.