A V edición de "Cata a Arte" recada donativos para a Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica de Ourense
Ourense, 17 de xaneiro de 2019.- A iniciativa "Cata a Arte", que organiza a Deputación de Ourense, a través do Centro Cultural "Marcos Valcárcel", e a D.O. Ribeiro, recadou donativos nesta quinta edición para a Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica de Ourense. "Cata a Arte" é unha iniciativa cultural que ofrece aos asistentes a posibilidade de gozar de catas de viños de adegas do Ribeiro amenizadas con actividades en directo como música, teatro ou maxia, durante as cales os asistentes poden colaborar cos seus donativos con asociacións de índole social da provincia.
O acto de entrega do recadado nesta edición, que ascende aos 502,50 euros, tivo lugar hoxe no centro cultural, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da D.O. Ribeiro, Juan Casares; a tesoureira da asociación de Fibromialxia, Inés Vázquez; e o director do Centro Cultural, Francisco González.
O vicepresidente do goberno provincial destacou o valor engadido que ten esta actividade innovadora polo seu "carácter solidario e por contribuír economicamente e dando visibilidade a diferentes entidades sociais da nosa provincia como nesta ocasión, á asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica, que realiza un labor tan importante e necesario en Ourense". Neste sentido, o director do centro cultural lembrou que esta iniciativa "leva a colaborar, desde as últimas tres edicións, con diferentes ONGs locais, de tal modo que, as máis de cen persoas que nos visitan en cada cata para gozar dos viños do Ribeiro e da cultura e da arte, teñen a posibilidade de colaborar cos seus donativos con algunha entidade social da nosa provincial".
Inés Vázquez agradeceu que nesta edición colaboren coa súa asociación porque se trata dunha enfermidade "que aínda se está a recoñecer, pero que día a día logra máis apoios". Esta asociación pretende "axudarnos a nós mesmos e a toda esa xente que está na mesma situación porque non é unha patoloxía visible", manifestou a tesoureira da entidade.
O presidente da D.O. Ribeiro dixo, pola súa parte, que os viños do Ribeiro, "o viño por excelencia de Galicia, son tradición, cultura e historia, pero tamén queren ser solidariedade".