Manuel Baltar, candidato á Presidencia da rede europea de termalismo

Compartir

  • A proposta da candidatura tivo lugar hoxe na reunión do comité executivo da asociación de territorios termais de Europa –integrada por 45 membros de 17 países-, celebrada en Engheien les Bains (Francia).

  • Asemade, presentaron a súa candidatura a vicepresidentes o francés Eric Brut, director da Ruta das cidades da auga do Massif Central; o italiano Lorenzo Lucchini, alcalde de Acqui Terme, e o portugués Hugo Oliveira, vicealcalde de Caldas da Rainha.

  • A decisión da entidade termal europea coñecerase o vindeiro verán, "unha responsabilidade que suporía un recoñecemento ao labor en defensa do termalismo que facemos desde Ourense para toda Europa, poñendo en valor as potencialidades turísticas, de saúde e de ocio que o ámbito termal ten para os territorios que contamos con esta riqueza natural", destacou Baltar.

Ourense, 23 de xaneiro de 2019.- Na reunión do comité executivo da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA), celebrada hoxe en Engheien les Bains (Francia), fíxose pública a candidatura de Manuel Baltar para a Presidencia desta entidade termal europea –organización da que é vicepresidente-, unha asociación á que pertence a Deputación de Ourense e que se significa por ser a rede termal integrada por 45 membros de 17 países, con cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia capital de Ourense, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais. Na reunión tamén presentaron a súa candidatura a vicepresidentes o francés Eric Brut, director da Ruta das cidades da auga do Massif Central; o italiano Lorenzo Lucchini, alcalde de Acqui Terme, e o portugués Hugo Oliveira, vicealcalde de Caldas da Rainha.

A decisión do máximo órgano da entidade termal europea coñecerase o vindeiro verán, "unha responsabilidade que suporía un recoñecemento ao labor en defensa do termalismo que facemos desde Ourense para toda Europa, poñendo en valor as potencialidades turísticas, de saúde e de ocio que o ámbito termal ten para todos os territorios que contamos con esta riqueza natural", destacou Baltar

Un valor importante é o pulo decisivo que Manuel Baltar vén dando ao termalismo co desenvolvemento do pioneiro plan "Ourense, a provincia termal", que a Deputación de Ourense desenvolve conxuntamente coa Xunta de Galicia, impulsando accións de promoción, infraestruturas e dinamización social e económica ao redor do termalismo como nunca antes se realizara en Galicia e noutros territorios de Europa, o que supón un dos principais avais que fortalecen a candidatura de Baltar para presidir a asociación termal europea.

Na reunión do comité executivo da EHTTA, Manuel Baltar defendeu "a necesidade de que a Unión Europea fixe na súa axenda a realidade económica e social que supón o termalismo". Neste sentido, propuxo que Partenalia –a rede europea de gobernos provinciais, que preside- e a EHTTA celebren no Comité das Rexións, en Bruxelas, unha reunión conxunta "para que se visibilice en Europa a importancia e singularidade dos territorios termais, e que o fagamos nunha sesión aberta e participativa aos membros das dúas organizacións, porque tanto Partenalia como a EHTTA temos moitos puntos en común e unha alianza por desenvolver, que lle permitirá aos nosos territorios termais gañar en promoción e atraer proxectos cun alto valor engadido tanto económico como social e laboral, expresou Manuel Baltar.

O presidente da Deputación de Ourense salientou a relevancia que tivo o cumio termal europeo celebrado en Ourense no pasado mes de outubro, onde Baltar remarcou "a responsabilidade dos gobernos locais intermedios na valorización dos recursos do territorio, como único nivel administrativo con capacidade e visión para reforzar o vínculo entre áreas urbanas e rurais", e puxo como exemplo de cooperación e optimización o proxecto "Provincia Intelixente", sinalando que permitirá "a prestación de servizos innovadores, sentando as bases para un novo modelo produtivo tecnolóxico, sostible e vinculado ao coñecemento e ao noso territorio, onde o termalismo ten moito que dicir", expresou.

Tamén lembrou o presidente os encontros mantidos na cidade balnearia de Bath (Reino Unido), na súa condición de vicepresidente da Asociación de cidades e vilas termais históricas de Europa, co seu homólogo Tim Warren, máximo responsable de Bath and North East Somerset Council, con que analizou iniciativas de promoción e proxectos para seguir impulsando un turismo singular e de calidade no ámbito termal, e o encontro celebrado en Budapest co comisario europeo de Cultura, Tibor Navracsics, con quen analizou a necesidade de desenvolver medidas conxuntas de promoción turística, cultural e termal, cooperando entre a UE e asociacións como Partenalia e a EHTTA, para leven a cabo un traballo en rede pola competitividade das provincias.