O pleno da Deputación de Ourense aproba definitivamente o Plan provincial de obras e servizos municipais 2019, cun orzamento de máis de 19 millóns

Compartir

  • Na sesión plenaria de hoxe tamén se aprobou o outorgamento da medalla de ouro da provincia ao etnógrafo e filólogo Eligio Rivas.

Ourense, 25 de xaneiro de 2019.- O pleno da Deputación de Ourense aprobou definitivamente hoxe, na sesión ordinaria correspondente ao mes de xaneiro, o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais correspondente a 2019, que ascende a un total de 19.319.713 euros. Para o plan principal a Deputación de Ourense destina 4.246.500 euros para obras municipais, mentres que os concellos achegan un total de 925.750 euros. Así mesmo, neste plan figura a achega de 192.000 euros da institución provincial para o réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta, e 1.500.000 euros para a rede viaria provincial. Por outro lado, no plan complementario a Deputación destina 2.976.000 euros a obras municipais, para o cal os concellos achegan 82.750 euros, mentres que o orzamento da Deputación para a rede viaria provincial do Plan Complementario ascende e 9.396.713 euros.

Na sesión plenaria tamén se aprobou, en materia de Cultura, o outorgamento da medalla de ouro ao etnógrafo e filólogo Eligio Rivas, como recoñecemento ás importantes achegas que fixo nos ámbitos da toponimia, a etimoloxía e a lingua galega. Esta distinción rende homenaxe a súa longa traxectoria intelectual marcada polo seu carácter de traballador incansable e a súa implicación no estudo e difusión dos principais valores culturais da nosa provincia.

A totalidade dos acordos plenarios aprobados hoxe son os seguintes:

MODIFICACIÓN DO ACORDO REGULADOR DAS CONDICIÓNS DE TRABALLO DO PERSOAL FUNCIONARIO DA DEPUTACIÓN EN MATERIA DE ACCIÓN SOCIAL

Acordo:

1º) Ratificar o acordo acadado na Mesa Xeral de Negociación do 19 de outubro de 2018 entre a representación da Deputación Provincial e a representación da Xunta de Persoal

e os representantes dos sindicatos CSIF, CIG e USO, cuxo obxecto é modificar, ó abeiro do establecido no artigo 38.10 do EBEP, o vixente acordo regulador do persoal funcionario da Deputación Provincial de Ourense, do 9 de decembro de 2008, modificado o 1 de xuño de 2012, o 15 de outubro de 2012 e o 16 de febreiro de 2015, no seguinte sentido:

a) Con efectos do 1 de xaneiro de 2019, o artigo 52 do acordo regulador queda redactado da seguinte forma: "A petición do interesado, a Corporación concederalles aos funcionarios de carreira anticipos reintegrables de mensualidades completas líquidas cun tope máximo de 5.000 euros. A súa devolución efectuarase mediante dedución mensual en nómina sen xerar ningún interese. O prazo para a súa devolución será de corenta e oito meses como máximo, podendo o funcionario solicitar a devolución dos importes nun prazo menor.

Para poder solicitar un anticipo será condición necesaria e imprescindible que estean liquidadas a totalidade das cotas do anticipo concedido con anterioridade nos prazos autorizados e fixados.

Se entre os solicitantes se encontrasen traballadores que nunca solicitaran un

anticipo, terán preferencia na concesión."

b) Con efectos do 1 de xaneiro de 2019, o artigo 54 do acordo regulador queda

redactado da seguinte forma: "A Deputación Provincial concertará un seguro de asistencia sanitaria para todos os empregados públicos provinciais que o desexen contratar. A Deputación subvencionará a cada unidade familiar ou, se é o caso, a cada traballador, co importe de 27 euros mensuais do custo por un asegurado na modalidade de asistencia sanitaria integral."

c) Con efectos do 1 de xaneiro de 2019, o artigo 55 do acordo regulador queda redactado da seguinte forma: "Os empregados públicos provinciais da Deputación poden gozar dun plan de pensións, achegando a Corporación a mesma cantidade que achega o traballador que se adhira ao plan, ata un máximo de 50 euros mensuais".

2º) Facultar á Presidencia para a formalización do corresponde acordo para os efectos da súa remisión á autoridade laboral para a súa publicación no BOP, conforme co artigo 38.6 do EBEP.

MODIFICACIÓN DO CONVENIO COLECTIVO PARA O PERSOAL LABORAL DA DEPUTACIÓN EN MATERIA DE ACCIÓN SOCIAL

Acordo:

1º) Ratificar o acordo acadado na Mesa Xeral de Negociación do 19 de outubro de 2018 entre a representación da Deputación Provincial e a representación do Comité de Empresa e dos sindicatos CSIF, USO e CIG, cuxo obxecto é modificar, ao abeiro do establecido no artigo 41 do Estatuto dos Traballadores as condicións de traballo establecidas no vixente Convenio colectivo de persoal laboral da Deputación Provincial de Ourense, do 9 de decembro de 2008, modificado o 1 de xuño de 2012, o 15 de outubro de 2012 e o 16 de febreiro de 2015, no seguinte sentido:

a) Con efectos do 1 de xaneiro de 2019, o artigo 52 do convenio colectivo queda redactado da seguinte forma: "A petición do interesado, a Corporación concederalle ao persoal laboral fixo anticipos reintegrables de mensualidades completas líquidas cun tope máximo de 5.000 euros. A súa devolución efectuarase mediante dedución mensual en nómina sen xerar ningún interese. O prazo para a súa devolución será de corenta e oito meses como máximo, podendo o traballador solicitar a devolución dos importes nun prazo menor.

Para poder solicitar un anticipo será condición necesaria e imprescindible que estean liquidadas a totalidade das cotas do anticipo concedido con anterioridade nos prazos autorizados e fixados.

Se entre os solicitantes se encontrasen traballadores que nunca solicitaran un anticipo, terán preferencia na concesión".

b) Con efectos do 1 de xaneiro de 2019, o artigo 54 do Convenio colectivo queda redactado da seguinte forma: "A Deputación Provincial concertará un seguro de asistencia sanitaria para todos os empregados públicos provinciais que o desexen contratar. A Deputación subvencionará a cada unidade familiar ou, se é o caso, a cada traballador, co importe de 27 euros mensuais do custo por un asegurado na modalidade de asistencia sanitaria integral."

c) Con efectos do 1 de xaneiro de 2019, o artigo 55 do Convenio colectivo queda redactado da seguinte forma: "Os empregados públicos provinciais da Deputación poden gozar dun plan de pensións, achegando a Corporación a mesma cantidade que achega o traballador que se adhira o plan, ata un máximo de 50 euros mensuais".

2º) Facultar á Presidencia para a formalización do corresponde acordo para os efectos da súa remisión á autoridade laboral para o seu depósito e publicación no BOP, conforme co artigo 90.2 do Texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores.

MODIFICACIÓN DA BASE 69ª DAS DE EXECUCIÓN DOS ORZAMENTOS EN MATERIA DE INDEMNIZACIÓNS AO PERSOAL POR RAZÓNS DE SERVIZO

Acordo:

1º) Aprobar inicialmente a modificación da base 69ª das de execución dos orzamentos provinciais, no seguinte sentido:

a) Modifícase o parágrafo 1º da dita base, que queda redactado do seguinte xeito:

Con efectos de 1 de xaneiro de 2019, as indemnizacións por razón de servizo por gastos de aloxamento e manutención dos empregados públicos provinciais terán as seguintes contías, aplicables sen distinción a todos os empregados públicos provinciais:

Por aloxamento: 65,97 €

Por manutención: 37,40 €

Axuda de custo enteira: 103,37 €

No suposto de desprazamentos ao estranxeiro, aplicaranse as contías establecidas para funcionarios do subgrupo A1 da Administración Xeral do Estado.

En ningún caso se aboarán custos superiores ás contías establecidas nesta base.

b) Suprímese o parágrafo 4º da base 69ª.

2º) Someter a información pública, por prazo de quince días hábiles, mediante anuncio inserido no BOP, o presente acordo, para a formulación de alegacións polos interesados. No caso de presentarse alegacións en prazo, serán resoltas expresamente polo Pleno. No caso de non presentarse, entenderase automaticamente elevado a definitivo o acordo adoptado, procedéndose á súa publicación no BOP para a súa entrada en vigor.

RATIFICACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA, A FEGAMP E AS DEPUTACIÓNS, EN MATERIA DE EMERXENCIAS E PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS, PARA O DESENVOLVEMENTO DOS GRUPOS DE EMERXENCIA SUPRAMUNICIPAIS (GES)

Acordo:

1º.- Ratificar a subscrición do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincial e as deputacións provinciais, en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES).

2º.- Autorizar expresamente a distribución das anualidades de gasto correspondentes á Deputación Provincial conforme co establecido no dito convenio.

3º.- Establecer que o libramento dos fondos se realice a favor dos concellos que sexan sede ou subsede dos grupos de emerxencia supramunicipais ou aos servizos municiais, conforme co establecido no dito convenio.

A xustificación dos fondos levarase a cabo conforme coas mesmas previsións establecidas para a xustificación dos fondos achegados pola Xunta de Galicia no anexo VI do mencionado convenio.

AMPLIACIÓN DO PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DA DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA A ADHESIÓN AO PROGRAMA PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS E A ENTIDADE LOCAL MENOR DE BERÁN EN MATERIA DE EMPREGABILIDADE PARA O EXERCICIO 2019

Acordo:

Concederlles un prazo, adicional, ata o 15 de febreiro de 2019, aos concellos que non presentaron as solicitudes de adhesión ao Programa de cooperación cos concellos e a Entidade Local Menor de Berán en materia de empregabilidade para o exercicio 2019, co fin de que poidan achegar as súas solicitudes.

AMPLIACIÓN DO PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DA DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA A ADHESIÓN AO PROGRAMA PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS E A ENTIDADE LOCAL MENOR DE BERÁN EN MATERIA DE MOCIDADE PARA O EXERCICIO 2019

Acordo:

Concederlles un prazo, adicional, ata o 15 de febreiro de 2019, aos concellos que non presentaron as solicitudes de adhesión ao Programa de cooperación cos concellos e a Entidade Local Menor de Berán en materia de mocidade para o exercicio 2019, co fin de que poidan achegar as súas solicitudes.

AMPLIACIÓN DO PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DA DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA A ADHESIÓN AO PROGRAMA PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS E MANCOMUNIDADES PARA A REALIZACIÓN DE ACTUACIÓNS DE LIMPEZA DAS MARXES DAS REDES VIARIAS MUNICIPAL E PROVINCIAL PARA O EXERCICIO 2019

Acordo:

Concederlles un prazo, adicional, ata o 15 de febreiro de 2019, aos concellos e mancomunidades que non presentaron as solicitudes de adhesión ao Programa provincial de cooperación cos concellos e mancomunidades para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipal e provincial no exercicio 2019, co fin de que poidan achegar as súas solicitudes.

APROBACION DO OUTORGAMENTO DA MEDALLA DE OURO DA PROVINCIA DE OURENSE A ELIGIO RIVAS QUINTAS

Acordo:

Outorgarlle a medalla de ouro da provincia de Ourense ao destacado intelectual ourensán don Eligio Rivas Quintas, de conformidade cos artigos 1, 7, 9, 10 e 11 do Regulamento de honores e distincións da Deputación de Ourense, como homenaxe e recoñecemento do noso pobo a toda unha longa traxectoria intelectual marcada polo seu carácter de traballador incansable e a súa implicación no estudo e difusión dos principais valores culturais da nosa provincia.

APROBACIÓN DEFINITIVA PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS 2019

Acordo:

1. Desestimar a alegación presentada por dona Elvira Lama Fernández, voceira e deputada do grupo provincial socialista da Deputación de Ourense, polas razóns expostas no informe xurídico.

2. Aprobar definitivamente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2019, segundo o documento inicialmente aprobado na sesión ordinaria de 21 de decembro de 2018.

PREVENCIÓN E RISCOS LABORAIS NOS CONCELLOS DA PROVINCIA

Acordo:

Que a Deputación Provincial de Ourense aprobe unhas bases e criterios para o establecemento de convenios de colaboración entre esta e as distintas entidades locais da provincia para cooperar na realización de prevención de riscos laborais, tanto na realización da avaliación como na planificación da actividades preventiva e na constitución de servizos preventivos mancomunados, facendo un baremo de atención no que se prioricen a aquelas entidades de menor poboación e con medios económicos máis reducidos.