Manuel Baltar e a Deputación de Ourense, líderes en comunicación política en Twitter

Compartir

  • A institución provincial e o seu presidente continúan a encabezar a lista de gobernos e presidentes provinciais, "un liderado no ranking desta rede social que amosa a interactividade coa cidadanía e o respaldo á xestión política que realizamos", expresa Baltar.

Ourense, 4 de febreiro de 2019.- O estudo "Barómetro Diputación" de Twitter sitúa novamente a Manuel Baltar e á Deputación de Ourense como líderes en comunicación política nesta rede social. Así o reflicte o estudo publicado hoxe no que a institución provincial e o seu presidente continúan a encabezar a lista de gobernos e presidentes provinciais, "un liderado no ranking desta rede social que amosa a interactividade coa cidadanía e o respaldo á xestión política que realizamos", expresa Baltar.

O presidente do goberno provincial valora este liderado afirmando que "somos a primeira deputación de España neste ranking, e tamén en transparencia, así como en aprobar os presupostos (no mes de setembro), tamén en planificación e en redución da débeda, que será cero en poucas semanas". "Xestión e política, dous conceptos que van da man, polo que agradezo ao meu goberno e ao persoal ao servizo da institución provincial o traballo que realizan", destaca Manuel Baltar.

Trala Deputación de Ourense neste ranking figuran os gobernos provinciais de Málaga, Valencia e Cuenca –nunha lista na que figuran 46 gobernos provinciais-, na suma total de "Publicacións", "Porcentaxe de tweets propios", "Compromiso e relación cos usuarios desta rede social" (engagement), mentres no que atinxe a presidentes provinciais, Manuel Baltar lidera a comunicación en Twitter por diante de César Sánchez, Javier Moliner e José Entrena Ávila, presidente das deputacións de Alicante, Castellón e Granada, respectivamente, nunha relación de máis de corenta máximos responsables de gobernos provinciais. Baltar ocupa o primeiro posto na suma dos apartados que analizan os tweet publicados, o engagement, o impacto total e o impacto medio por tweet, destacando desta maneira a notable incidencia que as mensaxes lanzadas polo presidente da Deputación de Ourense teñen nesta rede social.

Este liderado, tanto institucional como do seu presidente vén sendo unha constante nos últimos meses, así como e o impacto que está a ter a Deputación de Ourense nas redes sociais, producido en gran medida polas iniciativas que promove de innovación, transparencia, interactividade cos cidadáns e goberno aberto. Un labor que foi recoñecido con galardóns no ámbito da innovación tecnolóxica como aconteceu co proxecto "Provincia Intelixente", premiado polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, que recoñeceu a innovación da Deputación de Ourense na súa visión global de provincia.

Precisamente, proxectos como o de "Provincia Intelixente" e as acción levadas a cabo para potenciar a "marca Ourense" en ámbitos como deporte, turismo, termalismo ou medio ambiente, teñen situado á Deputación de Ourense como referente nacional e internacional en foros nos que o modelo ourensán ten sido comparado con iniciativas de xestión pública de vangarda, como tamén o fixo o pasado xoves Manuel Baltar no Foro Next, en Madrid, ao que foi convidado a participar xunto ao Goberno de España para debater sobre as iniciativas para o reto demográfico, onde afirmou que a demografía e o despoboamento "non deben ser motivo de enfrontamento entre partidos, senón un obxectivo común de país".