Manuel Baltar destaca os 20 anos de Xantar "situando a Ourense como gran capital gastronómica"
- O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe en Expourense na inauguración de Xantar 2019, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que nesta edición ten como país convidado a Brasil.
Ourense, 6 de febreiro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe en Expourense, na inauguración do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, os 20 anos de Xantar, "situando a Ourense como gran capital gastronómica", nunha edición que ten como país convidado a Brasil, do que Baltar lembrou o Seminario internacional de gobernanza e boas prácticas ao que foi convidado a participar polo goberno da rexión, en Curitiva. "Hoxe é un día propicio para renovar esta alianza internacional con Expourense -afirmou-, un día no que a Deputación apadriña a asociación "Cociña Ourense", que conta cos mellores restauradores da provincia, que traballan con produtos propios da nosa horta, contribuíndo a potenciar esa "marca Ourense" coa que Expourense tivo, ten e terá tanto que ver, e da que nos sentimos especialmente orgullosos".
O presidente do goberno provincial dixo que se conmemoran dúas décadas de Xantar, "nunha provincia como a nosa, eminentemente agroalimentaria e cun gran potencial dos produtos amparados por denominación de orixe e doutros moitos, que aportan excelencia á nosa gastronomía e convértena en internacional, como esta feira".
Xunto a Manuel Baltar participaron no acto de inauguración o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; e o xerente de Expourense, Alejandro Rubín, ademais do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e representantes de Brasil e dos países que integran este ano a gran "familia gastronómica" de Xantar. Logo do protocolario corte da cinta, a feira quedou inaugurada, e desde hoxe e ata o vindeiro 10 de febreiro desenvolverá un amplo programa de actividades que ofrece máis de 200 experiencias enogastronómicas, nunha edición na que están representados países como España, Portugal, Brasil, Panamá, Costa Rica, México, Italia, Perú, Colombia, Cuba, Arxentina e Nicaragua.
Nesta ocasión, Xantar reúne a recoñecidos chefs de oito países, quen impartirán talleres de cociña en directo enmarcados en el XIV Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sostible, ademais de contar cos integrantes da Asociación "Cociña Ourense", impulsada pola Deputación de Ourense.