Exposición de Antonio Quesada
Ourense, 13 de febreiro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta tarde na sala de arte de Afundación en Ourense no acto de inauguración da exposición "Antonio Quesada. Dende o sentimento", onde destacou que este artista "é Ourense, coa súa obra atemporal". A mostra, que se exhibe ata o vindeiro 12 de maio, ofrece as 34 obras máis representativas deste pintor ourensán, falecido hai catro anos, un dos máximos expoñentes do paisaxismo en Galicia e España. A presentación da exposición, contou coa participación, ademais do presidente da Deputación de Ourense, da comisaria da mostra, Teresa Cendón; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; do conselleiro de Medio Rural, José González; do bispo de Ourense, Leonardo Lemos: do alcalde da capital ourensá, Jesús Vázquez; do director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e da padroa de Afundación Mercedes Rozas, nun acto ao que asistiu numeroso público e persoeiros do ámbito cultural, social e institucional.
Coas súas obras, Antonio Quesada fai viaxar ao espectador a mundos misteriosos, dando lugar a unha pintura emotiva, sensible e intimista. Participou activamente no movemento cultural que conmocionou as artes plásticas galegas na segunda metade do século XX baixo a tutela de intelectuais como Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Eduardo Blanco Amor. Ademais, a súa amizade cos poetas zamoranos Claudio Rodríguez e Hilario Tundidor influíu decisivamente na particular concepción lírica da súa pintura.
Esta mostra recolle pezas de colecciones particulares e de institucións, destacando unha importante presenza de obras pertencentes á colección de Arte de Afundación.