Manuel Baltar propón que o Centro Galego de Innovación da FP leve o nome de Eduardo Barreiros
- Deputación de Ourense e Xunta de Galicia asinaron hoxe o convenio para a creación en Ourense desta infraestrutura formativa, da que Baltar afirmou que suporá "unha aposta pola innovación, a creatividade e o talento entre o alumnado e profesorado de Formación Profesional".
- O presidente do goberno provincial considera que o centro "favorecerá o desenvolvemento industrial e a incorporación de novas tecnoloxías, dotando de capital humano altamente cualificado ao tecido produtivo galego, contando co empresariado como eixo principal para desenvolver unha FP dual, tendo en conta, asemade, á universidade para levar a cabo, conxuntamente, proxectos de investigación.
- O centro situarase nas instalacións da antiga Escola Fogar de Mariñamansa, que conta cunha superficie construída de 2.600 metros cadrados, e o orzamento previsto para a licitación e execución do proxecto, obra e equipamento ascende a 10 millóns de euros, dos que a Deputación de Ourense achegará 5 millóns; a Consellería de Educación, 3,5 millóns; e a Consellería de Economía, 1,5 millóns de euros.
- O presidente da Xunta dixo que hoxe "é un gran día para Ourense, para o alumnado e para o tecido económico e social de Galicia" polo acordo que posibilitará a creación deste centro, "que funcionará como referencia e conexión para todos os centros de FP de Galicia".
Ourense, 1 de marzo de 2019.- A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia asinaron hoxe o convenio de colaboración para a creación do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional en Ourense. Nun acto celebrado esta tarde no centro cultural "Marcos Valcárcel", o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, e co secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Borja Verea, en presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o acordo que senta as bases para crear este centro formativo, "que apostará desde Ourense pola innovación, a creatividade e o talento entre o alumnado e profesorado de Formación Profesional", expresou o presidente Baltar, quen propuxo que esta infraestrutura formativa "leve o nome de Eduardo Barreiros, singular emprendedor e empresario, un dos persoeiros máis importantes da España e da Europa do século XX, e de quen este ano se cumpre o centenario do seu nacemento".
Manuel Baltar salientou que o Centro Galego de Innovación da Formación profesional "favorecerá o desenvolvemento industrial e a incorporación de novas tecnoloxías, dotando de capital humano altamente cualificado ao tecido produtivo galego".
O convenio asinado hoxe reflicte que o Centro Galego de Innovación da FP situarase nas instalacións da antiga Escola Fogar de Mariñamansa, que conta cunha superficie construída de 2.600 metros cadrados, próximo ao CIFP A Farixa. O orzamento previsto para a licitación e execución do proxecto, obra e equipamento ascende a un total de 10 millóns de euros, dos que a Deputación de Ourense achegará 5 millóns; a Consellería de Educación, 3,5 millóns, e a Consellería de Economía, 1,5 millóns de euros.
Contar co empresariado
Manuel Baltar, promotor e impulsor para que esta iniciativa formativa fose unha realidade na provincia de Ourense, remarcou que a innovación e o emprendemento "serán as liñas fundamentais que marcarán este centro de referencia da Formación Profesional, contando co empresariado como eixo principal para desenvolver unha FP dual que abranga as necesidades sectoriais do ámbito empresarial, tendo en conta tamén á universidade para desenvolver conxuntamente proxectos de investigación", dixo, engadindo que o Centro Galego de Innovación da FP en Ourense "será o referente da formación profesional de Galicia e un potenciador do fomento do emprego xuvenil".
"Trátase dun espazo de xeración de ideas innovadoras, de patentes e de proxectos, que contribuirán ao desenvolvemento empresarial e social", expresou Baltar, quen definiu a esta infraestrutura como "un nodo de innovación, lanzadeiras de emprendemento e tecnoloxía: o gran centro de innovación na FP da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal".
Pola súa banda, Alberto Núñez Feijoo dixo que hoxe "é un gran día para Ourense, para o alumnado e para o tecido económico e social de Galicia" polo acordo que posibilitará a creación deste centro, "que funcionará como referencia e conexión para todos os centros de FP de Galicia". Núñez Feijoo destacou "os datos positivos da FP en Galicia", "cun 47 % máis de alumnos que fai dez anos, e con 51.000 estudantes que cursan esta formación na nosa comunidade autónoma". Tamén se referiu a que o 86 % dos titulados de FP teñen traballo e que, deles, o 74 % atopa emprego nos seis primeiros meses de rematar a súa formación, ascendendo a máis do 90 % a porcentaxe dos titulados de FP que atopa traballo en Galicia.
A creación do Centro Galego de Innovación da FP en Ourense ten a súa razón de ser debido ao grande protagonismo que nos últimos anos está a acadar a Formación Profesional, adaptándose á evolución do tecido social e económico de Galicia, de xeito que a día de hoxe existen 140 títulos de ciclos formativos adaptados ao tecido produtivo. A aposta por unha formación de calidade, innovadora e próxima ao territorio, con metodoloxías de vangarda como a FP Dual, supuxeron un gran incremento da inserción laboral e un aumento notable das matrículas.
O Centro Galego de Innovación da FP de Ourense impulsará proxectos de innovación aplicada, novas contornas virtuais de simulación, proxectos empresariais e transferencia aplicada de patentes, para evolucionar no ámbito da innovación e potenciar unha FP adaptada á industria 4.0. Desta maneira, favorecerase a creación de sinerxías co sector produtivo, sendo o Inorde –organismo da Deputación de Ourense- unha peza clave de nexo co dito sector para a transferencia de coñecemento dos centros á industria.
Orzamento
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional licitará este ano o proxecto de rehabilitación completa do inmoble e executará a obra, destinando para elo un orzamento de 3,5 millóns de euros (875.000 € en 2019 e 2.625.000 € en 2020). Pola súa banda, a Deputación de Ourense achegará 3,5 millóns de euros (en 2019) para facer fronte á execución das obras, e 1,5 millóns de euros (nos tres primeiros meses de 2020) para o equipamento do centro. E polo que atinxe á Consellería de Economía, Emprego e Industria, achegará 1.5 millóns de euros para o apoio ao desenvolvemento dos proxectos de innovación e emprendemento que se desenvolvan no centro, así como para a adquisición de novos equipamentos de tecnoloxía avanzada que se necesiten para o desenvolvemento destes proxectos.