Aprobados tres proxectos europeos nos que participa a Deputación de Ourense, por un importe de máis de 4,3 millóns de euros

Compartir

  • Manuel Baltar afirma que estas actuacións –orientadas á realización de programas empresariais e medioambientais- "suporán un pulo económico e de sostibilidade para a provincia, e encaixan coas claves da xestión do goberno provincial: cooperación, planificación e territorio".

Ourense, 2 de marzo de 2019.- A Deputación de Ourense participa en tres proxectos europeos, en materia empresarial e medioambiental, nos que se investirán 4.368.000 euros, que serán sufragados ao 75% polos fondos FEDER. Estas iniciativas, pertencentes á segunda convocatoria do Programa Interreg V A España Portugal (POCTEP), denomínanse "Fronteira esquecida", "Nova TFE" e "Emprende Makers", "actuacións que suporán un importante pulo para o desenvolvemento económico e sostible da provincia de Ourense, e que encaixan coas claves da xestión do goberno provincial: cooperación, planificación e territorio", afirma Manuel Baltar.

O proxecto "Nova TFE" de novas oportunidades de negocio para pemes baseadas en tecnoloxías facilitadoras esenciais, ten como obxectivo potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación. "Trátase de mellorar a participación do tecido empresarial nos procesos de innovación e nas actividades de I+D+i próximas ao mercado", explica Manuel Baltar, mentres que o proxecto denominado "Fronteira esquecida" pretende actuar no ámbito medioambiental e turístico, coa finalidade de conservar e protexer o medio ambiente, e promover a eficiencia dos recursos. Este proxecto traballará a prol da protección e a posta en valor do patrimonio natural e cultural como soporte da base económica da rexións transfronteirizas, e conta con oito socios, entre os cales a Deputación de Ourense é o beneficiario principal.

Por último, "Emprende Makers" ten como obxectivo "mellorar a competitividade das pemes e as condicións para a aparición de novas iniciativas empresarias", destaca Baltar, "e favorecer tamén un espazo que fomente a creación de iniciativas innovadoras na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal". Na mesma liña, o vicepresidente segundo da deputación, Jorge Pumar, destaca que estes proxectos "referendan o compromiso da Deputación de Ourense co tecido empresarial e co fomento do emprendemento".