A Deputación de Ourense únese á iniciativa "Semente Ribeira Sacra", un proxecto de economía social para potenciar este territorio
- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, destacou no acto celebrado en Monforte, "a importancia de seguir cooperando para seguir engrandecendo con proxectos a Ribeira Sacra".
Ourense, 16 de marzo de 2019.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe no Parador de Monforte de Lemos na presentación da nova etapa do proxecto de economía social e colaborativa "Semente Ribeira Sacra", unha asociación que ten como obxectivo promover iniciativas empresariais e institucionais para seguir poñendo en valor o territorio da Ribeira Sacra.
No acto, que contou tamén coa participación do conselleiro de Industria, Francisco Conde e demais representantes institucionais e sociais, Rosendo Fernández destacou a importancia da cooperación institucional e tamén coa iniciativa privada, "motores para impulsar proxectos que atraen competitividade aos territorios", e referiuse "ao labor que vén desenvolvendo a Deputación de Ourense e o seu presidente, Manuel Baltar, quen reactivou a iniciativa para acadar que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial pola Unesco".
As deputacións de Ourense e Lugo, así como concellos e empresas integran a asociación "Semente Ribeira Sacra", un proxecto en expansión, "que contribuirá ao pulo que xa se lle está dando á Ribeira Sacra, un dos territorios naturais máis singulares e co patrimonio histórico-artístico máis importante de Europa", expresou Rosendo Fernández.