A comisión informativa de Benestar abordará a aprobación definitiva das bases do Programa de cooperación "BenOurense Infancia"

Compartir

Ourense, 21 de marzo de 2019.- A comisión informativa de Igualdade, Benestar e Emprego abordará a aprobación definitiva das bases do Programa de cooperación da Deputación de Ourense "BenOurense Infancia", para a concesión de axudas ás corporacións locais para o mantemento dos "Puntos de Atención á Primeira Infancia (PAI)" 2019. A dispoñibilidade orzamentaria destinada a este Programa ascende aos 125.000 euros, podendo ser beneficiarios destas axudas os concellos de menos de 5.000 habitantes da provincia de Ourense, que teñan PAIs de titularidade municipal e que non estean xestionados polo Consorcio Galego de Benestar da Xunta de Galicia ou entidade que a substitúa. Os concellos interesados en adherirse a este programa deberán presentar a súa solicitude no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao desta publicación.

Por outra parte, na reunión tratarase a modificación das bases reguladoras do Programa BenOurense de cooperación económica coas entidades locais da provincia para o servizo de axuda no fogar básico para o exercicio 2019. Esta modificación supón a concesión dun prazo adicional de cinco días contados desde o seguinte á publicación deste acordo no BOP para que os concellos e mancomunidades que non presentaron a súa solicitude de adhesión a este Programa. A outra modificación das bases refírese aos beneficiarios e á xustificación e pagamento. Con estas últimas modificacións tamén se facilita que en casos de emerxencia o SAF poida atender a aquelas persoas que empeoran e están pendentes da revisión do grao de dependencia.

Na xornada do mércores, 20 de marzo, celebráronse as comisións informativas de Transparencia, Cooperación e Facenda no Pazo Provincial. Na comisión de Transparencia e Administración Provincial deuse conta do informe de Secretaría Xeral sobre a composición das comisións informativas permanentes da Deputación de Ourense. Segundo este informe, proponse que as comisións informativas da Deputación pasen a ter doce membros cos seguinte distribución: seis do grupo do PP, tres do grupo do PSG, un de DO, un do BNG e un do Grupo Non adscrito, aplicándose un voto ponderado de dous votos ao presidente da Comisión Informativa que se trate. A modificación debe ser tida en conta para a convocatoria e celebración das sesións das comisións informativas correspondentes a este mes de marzo.

No relativo á comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural tratouse a expropiación forzosa para a execución da obra de acondicionamento e mellora da estrada provincial OU – 0206 Verea – O Furriolo, no municipio de Verea.

Por último, na comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía abordouse o expediente de modificación dos créditos orzamentarios e das bases de execución do orzamento do exercicio 2019 mediante suplementos de créditos e créditos extraordinarios n.º 2/2019, que ascende á cifra total de 8.325.172 euros e que se financian mediante recursos procedentes do remanente de tesourería. Así mesmo, tratouse o recoñecemento extraxudicial de créditos con cargo ao orzamento de 2019 para o pago dun total de 215.086 euros de diversas facturas. Na xuntanza tratouse tamén a delegación na Deputación do exercicio das competencias de recadación en vía executiva das multas coercitivas do Concello de Beariz.