Reunión do Padroado da Fundación "Eduardo Blanco Amor"

Compartir

Ourense, 28 de marzo de 2019.- Na reunión do padroado da Fundación "Eduardo Blanco Amor" celebrada hoxe, na sala de xuntas do Pazo Provincial, propúxose a entrada de dous novos patróns á Fundación para substituír a Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda e a Arturo Lezcano Fernández recentemente falecidos.

Por outra banda, aprobouse o calendario de actividades para este ano 2019 que inclúe entre outras iniciativas, a realización de dúas exposicións no centro cultural "Marcos Valcárcel": unha delas do debuxante Siro López sobre iconografía de Blanco Amor e outra sobre os fondos documentais que ao longo de moitos anos reuniu Carlos Laiño.

Outro dos acordados adoptados na reunión foi a iniciativa do presidente da Fundación, Manuel Baltar, de realizar, con motivo do 40 aniversario do pasamento do escritor ourensán, render homenaxe a súa relación co cine na celebración da 24ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), rescatando os seus guións cinematográficos e as diversas versións de A Esmorga, entre outras actividades.

Asemade, o padroado da Fundación aprobou a reedición da biografía de Eduardo Blanco Amor, Diante dun xuíz ausente, obra do autor Gonzalo Allegue, así como o desenvolvemento de diversas actividades vencelladas á faceta fotográfica do ilustre escritor ourensán, dado que o arquivo da Deputación de Ourense dispón de máis de 3.000 negativos de fotografías tomadas por Blanco Amor en diferentes lugares do mundo.

Por último, en colaboración co Concello de Ourense, acordaron celebrar o Día do Orgullo Gay, cunha actividade en Ourense que reúna entorno á figura de Blanco Amor, a escritores e escritoras homosexuais da cultura galega e doutras literaturas veciñas.