Comeza a "Ourense ICC Week 2019", coa moda como protagonista
- Ágatha Ruiz de la Prada, Purificación García e Adriana Domínguez, centraron a primeira xornada da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense cunha mesa redonda presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e moderada pola xornalista da TVG, Marta Gómez.
Ourense, 2 de abril de 2019.- A quinta edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas, "Ourense ICC Week", que organiza a Deputación de Ourense do 2 ao 7 de abril, comezou hoxe coa moda como protagonista. Ágatha Ruiz de la Prada, Purificación García e Adriana Domínguez, participaron na mesa redonda de apertura, "A Moda como industria creativa e motor de desenvolvemento", presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e moderada pola xornalista da TVG, Marta Gómez, evento que tivo lugar esta tarde no centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.
Manuel Baltar destacou "a aposta da Deputación de Ourense por converter á provincia no epicentro cultural do noroeste peninsular", salientando a pertinencia "de poñer o acento nesta edición sobre a moda, un sector estratéxico na provincia que, tras Inditex, sitúa a Ourense na cabeza das exportacións galegas grazas ao Grupo Textil Lonia, que aglutina marcas de renome como Carolina Herrera e Purificación García, e sendo Ourense tamén o berce de marcas tan recoñecidas nacional e internacionalmente como Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou Bimba y Lola".
O público puido escoitar das tres protagonistas os momentos máis importantes das súas dilatadas carreiras no mundo da creatividade no vestir. A raíña da cor e da customización, Ágatha Ruiz de la Prada, relatou as máis de tres décadas de loita por manterse no máis alto, e o segredo de seguir sendo un estandarte da moda con marca España. Pola súa banda a ourensá Purificación García destacou a importancia da elegancia e da tenacidade á hora de manter unha liña coherente, e da competitividade nun mercado que flutúa a velocidade de vertixe.
Os cambios tecnolóxicos, a nova era da comunicación, as redes sociais e mesmo a importancia dos influencers, foron tamén puntos fundamentais desta reunión, temas que abranguen a xestión de Adriana Domínguez, quen abandeira a firma familiar Adolfo Domínguez, e que ten a tarefa de deseñar a folla de ruta deste buque insignia da moda. Tampouco faltaron momentos de reivindicación do importante papel que supón ser muller nun mundo que en gran parte estivo liderado polo sector masculino.
As tres relatoras reivindicaron a importancia da moda, o deseño e a creación artística como unha ferramenta para xerar innovación e marcar tendencia. A moda trátase, en definitiva, dunha manifestación cultural da sociedade a longo da súa historia.
A programación, da Ourense ICC Week estenderase ata o próximo domingo, con máis de 70 horas de programación nos máis variados eidos da cultura e a creatividade: patrimonio, música, humor, cinema, novas tecnoloxías e deseño, vertebran un programa que ten por obxectivo converter a Ourense no punto de encontro da comunidade creativa.
Agás os espectáculos programados no Teatro Principal e o Auditorio, o resto dos eventos da Ourense ICC Week son de balde previa reserva a través da páxina web www.ourenseiccweek.com
O obxectivo desta iniciativa mantense firme desde a primeira edición: poñer en valor a actividade económica dun sector clave na Europa do século XXI, e converter así a provincia de Ourense no punto de encontro cultural e creativo, xerando un debate enriquecedor ao redor do pensamento de vangarda.