Manuel Baltar destaca a "relevancia mundial da Ribeira Sacra", no Consello de Patrimonio Histórico, no mosteiro de Santo Estevo

Compartir

  • O presidente da Deputación de Ourense afirma que a elección deste territorio como candidato de España á Unesco para ser declarada patrimonio mundial "sería a mellor homenaxe para todas as persoas que durante séculos fixeron da Ribeira Sacra un lugar tan espectacular".

Ourense, 4 de abril de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, no acto de apertura do Consello Nacional de Patrimonio Histórico, que se celebra no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, "a relevancia mundial da Ribeira Sacra e a singularidade deste territorio co seu potencial natural, histórico e etnográfico". O Consello, no que están representados técnicos e representantes das comunidades autónomas e que preside o director xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, Román Fernández-Baca, aborda a proposta da candidatura da Ribeira Sacra para ser declarada patrimonio mundial da Unesco.

Na reunión, na que tamén participa o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e un representante da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, ten por obxecto levar a cabo as deliberacións e os traballos para a elección da candidatura de España a patrimonio mundial, "unha xuntanza na que temos postas as mellores expectativas desde a Deputación de Ourense, xa que fomos nós quen propuxemos a finais de 2013 aos alcaldes da provincia dos enclavados na Ribeira Sacra reactivar esta candidatura para que fose declarada Patrimonio Mundial pola Unesco, A continuación implicamos á Deputación de Lugo, que aprobou a mesma moción que aprobamos na Deputación de Ourense, e tamén a órganos estatutarios como o Valedor do Pobo".

Baltar lembrou que durante todo este proceso, longo e complexo, o pasado 28 de decembro "celebramos a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra, que é o paso previo. Eu agardo, mañá, unha noticia o máis positiva posible para que a Ribeira Sacra sexa a candidata de España á Unesco para ser declarada patrimonio mundial", dixo o presidente provincial.

Manuel Baltar salientou que esta paraxe "é a que ten maior concentración de mosteiros por quilómetro cadrado en Europa e moitas razóns históricas, etnográficas e naturais para ser declarada patrimonio mundial; é unha das mellores postais de Ourense, Galicia, España e Europa, co mosteiro de San Pedro de Rocas como o enclave máis visitado. Todo elo constitúe un exemplo do labor que desenvolvemos en Ourense a prol do turismo cultural, unha das nosas razóns de ser e a mellor homenaxe que se lle pode facer ás persoas que durante séculos fixeron da Ribeira Sacra un lugar tan espectacular", afirmou Baltar.