O "IV Abril Oteriano" presenta ao Otero Pedrayo xornalista a través dos seus artigos en prensa

Compartir

  • No acto, celebrado esta tarde no Liceo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou ao escritor de Trasalba como "a personalidade máis importante da historia de Ourense, que demostrou coa súa traxectoria, obra e compromiso a súa forma de entender e de vivir desde Ourense para o mundo".

  • A xornalista Maribel Outeiriño presentou a obra Del Orense antiguo y otras colaboraciones, na que compilou e editou 144 artigos e máis colaboracións de Otero Pedrayo, publicados no xornal La Región entre 1958 e 1960, "traballos que amosan a memoria privilexiada de Otero falando da súa nenez e de personaxes de Ourense".

Ourense, 5 de abril de 2019.- A Fundación "Otero Pedrayo" presentou hoxe no Liceo de Ourense o programa de actividades que vai desenvolver entre hoxe e o vindeiro domingo dentro do "IV Abril Oteriano", unha iniciativa que ten como obxectivo pór en valor a obra e a vertente humana e profesional do grande intelectual de Trasalba, a quen o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualificou como "a personalidade máis importante da historia de Ourense, que demostrou coa súa traxectoria, obra e compromiso a súa forma de entender e de vivir desde Ourense para o mundo".

O acto, que congregou a persoeiros da cultura e do ámbito social de Ourense, contou coa participación do presidente da Fundación "Otero Pedrayo", Juan Luis Saco, e da xornalista Maribel Outeiriño, quen presentou a obra Del Orense antiguo y otras colaboraciones, na que compilou e editou 144 artigos e máis colaboracións de Otero Pedrayo publicados no xornal La Región entre 1958 e 1960, "uns traballos que amosan a memoria privilexiada de Otero falando da súa nenez e de personaxes de Ourense; un Otero sempre preocupado por saber, un personaxe digno de coñecerse", dixo Maribel Outeirño.

Manuel Baltar salientou a figura de Otero Pedrayo e puxo o acento en que o compromiso deste grande das nosas letras "non só tiña que ver coa súa condición de escritor, xeógrafo ou político, senón co amor á terra, que profesou desde sempre". "A Otero Pedrayo sempre o chamaban e sempre estaba aí, esa é a súa característica fundamental: a de facerse necesario porque o crían necesario", expresou Baltar, engadindo que a Deputación de Ourense "sempre estará ao carón da súa obra e da Fundación Otero Pedrayo, porque Otero engrandeceu a Ourense como ninguén".

Manuel Baltar agradeceu no acto o labor que desenvolve a fundación, na persoa de Juan Luis Saco, e loubou o traballo de Maribel Outeirño pola compilación deste volume "que fará as ledicias de todos os que nos adentremos no universo oteriano a través destes artigos que forman parte da historia intelectual do noso Ourense".

O presidente da Deputación dixo que se Otero tivese que escribir estes días sobre a nosa actualidade o faría sobre tres temas: "a gran noticia de hoxe, referida a que a Ribeira Sacra foi elixida candidata de España para Patrimonio Mundial da UNESCO; a medalla de ouro da provincia, que lle vén de outorgar a Deputación ao etnógrafo Elixio Rivas, e o feito histórico de que poidamos ter en Ourense a obra pictórica icónica de Castelao, A derradeira leición do mestre, que se pode contemplar no Pazo Provincial".

O mes oteriano bota a andar hoxe, como explicou Afonso Vázquez-Monxardín, secretario da Fundación Otero Pedrayo, coa presentación deste libro e de seguido co roteiro oteriano que realizaron os asistentes polo Ourense do escritor. Mañá sábado, as actividades trasládanse ao Pazo de Trasalba, antiga casa de Otero, onde Monxardín presentará o derradeiro manuscrito do escritor, "un texto que escribiu para a décimo terceira Feira do Viño do Ribeiro o 8 de abril de 1976, dous días antes de morrer", dixo Monxardín. Ademais, unha mesa redonda con Clodio González, antropólogo, e Patricia Arias, analizará a relación entre Antón Fraguas e Otero Pedrayo, e pola tarde haberá unha proxección da filmación do acto de entrega do Primeiro Premio Trasalba (1983). O domingo, os oterianos voltan á cidade para asistir a unha misa en Santa Eufemia na súa honra, seguido dunha ruta polo cemiterio de San Francisco e unha ofrenda na sepultura do escritor.