O humorista Luís Piedrahíta clausura a "Ourense ICC Week" 2019

Compartir

 

  • A xornada do domingo, a última dunha semana dedicada á cultura e á creatividade, acolleu tamén a final do maior encontro das E-Sports de Galicia, cunha gran acollida de público.

  • A quinta edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas, organizada pola Deputación de Ourense, chega ao seu final tras ofrecer ao público unha completa e variada programación que superou as 70 horas.

Ourense, 7 de abril de 2019.- A quinta edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza anualmente a Deputación de Ourense chega hoxe ao seu final cunha xornada na que houbo espazo para os E-Sports e o humor. Pola mañá, o Liceo de Ourense, convertido durante tres días na embaixada das E-Sports, acolleu a xornada de clausura desta competición cunha gran acollida de público.

O encontro da comunidade gamer comezou o venres coa charla do doutor Montiel, sobre os riscos asociados ao uso dos videoxogos ante un público mozo, que repasou ademais a historia destes xogos virtuais desde a xa mítica consola Atari. Pola tarde arrancaron os torneos gratuítos dos xogos do momento: o Fortnite e o Fifa 19, con 128 participantes o primeiro e 64 o segundo. Tamén houbo tempo para disputar torneos ocasionais do simulador Dirt 2.0.

As competicións por chegar ata as finais dos torneos ocuparon toda a mañá do sábado, como antesala ao que sería o prato forte do evento, as finais de SCE (Supercompetición de Escuderías) e SF1 (Supercompetición de Fórmula 1) de mundoGT, que reuniron aos mellores equipos e pilotos profesionais do panorama Simracing. Estas competicións foron retransmitidas a través de Movistar eSports e outras canles online. Dúas citas do motor virtual que trouxeron á cidade de Ourense, equipos da talla de Vodafone Giants, Williams eSports (filial da escudaría deF1) e campos eRacing 101 neumáticos, entre outro moitos equipos profesionais que compiten a nivel mundial.

Os torneos gañaron ademais en espectacularidade e emoción grazas ao Caster (persoa que comenta e retransmite as partidas de videoxogos a través de internet) do equipo de Alfonso Rodríguez, creador e propietario das marcas de plataformas e videoxogos mais importantes a nivel nacional, MundoGT, Paraíso Gamer, Comando Gol... e colaborador oficial de moitas grandes marcas como Sony, Logitech e Thrustmaster.

Clausura

A clausura da quinta edición da "Ourense ICC Week" correu a cargo do humorista Luís Piedrahíta, quen co seu monólogo "Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas", no Auditorio Municipal de Ourense, puxo o broche final a esta Semana das Industrias Culturais e Creativas que ofreceu ao público unha completa e variada programación que superou as 70 horas, citando en Ourense a referentes de diversos sectores creativos e culturais como Ágatha Ruiz de la Prada, Purificación García, Adriana Domínguez, Iker Jiménez ou Kiko Veneno.