Manuel Baltar propón ao consello de MEISA que a estación de montaña de Manzaneda leve o nome de "José Luis Outeiriño"
- O presidente da Deputación de Ourense afirma que esta distinción "é un xusto tributo ao visionario que fixo de Ourense a súa razón de ser", considerando "de xustiza perpetuar a súa lembranza dándolle o seu nome a un dos seus grandes legados á provincia e a Galicia".
- O consello de administración da entidade reuniuse hoxe no Pazo Provincial, abordando na xuntanza temas de ámbito económico, infraestruturas e o proxecto de innivación, así como o programa "Horizonte 2020" da UE, "que situará á estación de Manzaneda na vangarda do medio ambiente e a sostibilidade", destaca Baltar.
Ourense, 8 de abril de 2019.- O consello de administración de MEISA, reunido hoxe no Pazo Provincial, aprobou a proposta do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, para que as instalacións de MEISA pasen a denominarse "Estación de Montaña de Manzaneda-José Luis Outeiriño". Así o propuxo Manuel Baltar, na súa condición de membro do consello de administración de MEISA, no escrito remitido ao máximo órgano directivo da entidade, "como xusto tributo ao visionario que fixo de Ourense a súa razón de ser".
Na exposición de motivos do escrito, Baltar destaca que o pasado 26 de marzo faleceu José Luis Outeiriño Rodríguez, "a persoa que soñou e fixo realidade a Estación de Montaña de Manzaneda, empresario do mundo da comunicación, gran emprendedor, e un dos máis grandes ourensáns de todos os tempos", salientando: "O goberno provincial que presido, dentro das homenaxes e recoñecementos que diferente entidades públicas e privadas acordan e acordarán na memoria de tan ilustre ourensán, considera de xustiza perpetuar a súa lembranza dándolle o seu nome a un dos seus grandes legados á provincia e a Galicia".
O consello de administración de MEISA abordou tamén temas de ámbito económico, infraestruturas e o proxecto de innivación, así como o programa "Horizonte 2020" da Unión Europea, "un proxecto que situará á estación de Manzaneda na vangarda do medio ambiente e a sostibilidade", valora Manuel Baltar. Trátase dunha iniciativa á que a Deputación de Ourense ofrece o seu apoio á participación de MEISA, e que ten por obxecto explorar as tendencias da demanda enerxética e a integración de enerxías renovables. Para elo, co soporte de Everis Ingeniería, implantaría sistemas de enerxía renovable e de almacenamento de enerxía eléctrica; disporía dun sistema de testeo de novas estratexias de resposta á demanda enerxética, así como de novas tipoloxías de contratos de enerxía e de instalacións de tomas de carga para vehículos eléctricos e dotación destes.
O proxecto, liderado pola Universidade de Bruxelas, terá unha duración de 36 meses e contará coa participaran de quince entidades públicas e privadas de Bélxica, Reino Unido, Polonia, Grecia, Holanda, Italia, España, China, India e EEUU. O orzamento é de seis millóns de euros. Para lograr os obxectivos contempla: identificar negocios estables e equitativos para as comunidades locais de enerxía; deseñar modelos de negocio para sistemas de enerxía local integrados e descarbonizados en contornas delimitadas; ofrecer unha plataforma para a xestión integrada e a entrega de valores a todos os participantes; demostrar comunidades con sistemas de enerxía renovables maior do 27 % cun custe de enerxía igual ou inferior de soluciones actuais, e probar o enfoque do proxecto en dez lugares do mundo en condicións de mercado.